O CONCELLO DE LALÍN FELICITA A XOÁN LEDO POR FACER HISTORIA PROCLAMÁNDOSE CAMPIÓN DO MUNDO JUNIOR DE BALONMÁN

O CONCELLO DE LALÍN FELICITA A XOÁN LEDO POR FACER HISTORIA PROCLAMÁNDOSE CAMPIÓN DO MUNDO JUNIOR DE BALONMÁN
Martes 1 de Agosto de 2017 - O gardarredes formado na canteira do Club Balonmán Lalín foi, ademais, nomeado como mellor porteiro do mundial disputado en Arxelia logo de colleitar ao longo de todo o campionato maxistrais actuacións que permitiron meter ao seu equipo na loita polas medallas.

O Concello de Lalín transmite os seus parabéns ao xogador de balonmán lalinense, Xoán Ledo, que vén de facer historia proclamándose campión do mundo junior de balonmán coa selección española, tras vencer na final a Dinamarca por 38 a 39. O gardarredes formado na canteira do Club Balonmán Lalín foi, ademais, nomeado como mellor porteiro do mundial disputado en Arxelia logo de colleitar ao longo de todo o campionato maxistrais actuacións que permitiron meter ao seu equipo na loita polas medallas. Xa no derradeiro duelo, Ledo volveu ser o gran protagonista detendo un penalti co tempo cumprido que forzou a prórroga e realizando paradas decisivas, entre elas a do último lanzamento do partido ante Dinamarca.

Esta nova fazaña de Xoán Ledo engrandece aínda máis o seu xa extenso palmarés, no que se rexistran outros títulos internacionais como o europeo sub-20 que conseguiu o pasado ano. Así mesmo, os seus éxitos e fabulosas actuacións dan conta de que estamos, posiblemente, ante o mellor porteiro de balonmán do mundo na súa categoría. Para o Concello de Lalín o conseguido polo xove deportista lalinense é un exemplo e un orgullo para todas e todos os veciños do municipio que ven como Lalín e Galicia se sitúan no mapa deportivo, reflectindo, ao mesmo tempo, o bo nivel deportivo que hai no concello, en particular ao que balonmán se refire, onde Lalín é unha referencia.

Por outra banda, o Concello estende os seus parabéns a todo o combinado español e aproveita para desexarlle a Ledo -un dos gardamallas máis prometedores e con máis futuro deste deporte- moitos éxitos futuros e moita sorte na próxima tempada. Tan pronto como sexa posible Ledo será recibido de xeito oficial no Concello para ofrecerlle o recoñecemento de todas e todos os lalinenses.

Roteiros de Lalín