O CONCELLO DE LALÍN EXECUTARÁ UNHA ACTUACIÓN DE MELLORA INTEGRAL DA SEGURIDADE NO ENTORNO DO CONSERVATORIO

O CONCELLO DE LALÍN EXECUTARÁ UNHA ACTUACIÓN DE MELLORA INTEGRAL DA SEGURIDADE NO ENTORNO DO CONSERVATORIO
Martes 7 de Novembro de 2017 - O proxecto contempla a construción dunha beirarrúa que dará acceso directo ao recinto, así como a instalación de sinais e outros elementos de seguridade viaria. Será executado a través da Brigada de Obras e, aínda que depende de factores como a climatoloxía, buscarase que poida estar rematado no prazo dun mes. Francisco Vilariño destacou que a actuación dá saída a unha necesidade histórica do conservatorio e que serve para seguir avanzando en materia de accesibilidade e seguridade viaria.

O Concello de Lalín vai dar saída a unha reivindicación histórica do usuariado do conservatorio coa execución dunha actuación integral de mellora da seguridade do seu entorno. Así o vén de anunciar o concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, que o pasado xoves pola tarde mantivo unha reunión coa dirección da ANPA do centro para expoñerlles o proxecto. Este consistirá, como elemento central, na construción dunha beirarrúa que comunicará a o IES Ramón Mª Aller Ulloa co conservatorio. Será executada na marxe dereita (en sentido descendente) nun treito da rúa que carece de senda peonil, o que permitirá aos nenos e nenas acceder directamente ao centro sen ter que cruzar a calzada en ningún momento, un feito ata o de agora imposible. Así mesmo, a actuación contempla o pintado de sinais viais horizontais como pasos de peóns e a colocación de pivotes no espazo interior de acceso ao edificio do conservatorio para impedir a circulación de vehículos e garantir a seguridade dos menores nunha superficie que empregan tamén para o seu lecer. Porén, a humanización desta zona completarase coa instalación de mobilario urbano como bancos.

Francisco Vilariño fixo fincapé en que estas melloras “eran reclamadas dende o conservatorio practicamente dende o inicio da súa actividade hai máis de dúas décadas e, agora, por fin se vai dar saída a esta necesidade histórica plantexada pola ANPA”. O edil non pasou por alto a complexidade duns traballos que se van executar con medios municipais a través da Brigada de Obras, “debido, principalmente, ao desnivel existente na zona onde se vai construír a beirarrúa, unido á considerable falta de espazo, o que nos obrigará a realizar desterres e incluso crear un muro de contención”. Con todo, dende a concellería de Obras agárdase axilizar ao máximo esta actuación coa intención de que “poida estar moi avanzada, ou incluso rematada ao finalizar este mes”. Non obstante, Vilariño aclara que “se trata dunha obra que vai estar moi condicionada por factores como a climatoloxía” e que “os prazos se irán adaptando en función das condicións coas que nos vaiamos atopando”.

O concelleiro recalcou que o obxectivo do proxecto “é buscar unha actuación integral de seguridade no entorno do conservatorio”. “A falta de elementos de accesibilidade e de seguridade viaria” -explica- “obrigaba a todo o mundo a ter que cruzar a estrada para acceder ao recinto sen ningunha medida de protección, o que preocupaba aos pais e nais do alumnado, mais coa nova beirarrúa os peóns accederán ao edificio sen necesidade de pisar a calzada”.

En palabras de Francisco Vilariño, que cualificou este proxecto como “ambicioso e moi necesario para Lalín”, con esta iniciativa o Goberno “segue dando pasos en materia de accesibilidade e seguridade viaria, eliminando barreiras arquitectónicas e permitindo os desprazamentos a pé seguros, dándolle prioridade ás persoas por enriba dos coches”. “Ademais” -engadiu- “esta actuación vaise levar a cabo nun espazo urbano especialmente sensible para a seguridade viaria dentro da cabeceira municipal, ao ser unha zona onde se ubican a gardería o auditorio, o conservatorio e a zona escolar, ademais de ser un espazo de lecer de moita afluencia”. Francisco Vilariño volveu lembrar que “a accesibilidade é un dereito de todos e non un privilexio duns poucos” e recalcou que con este proxecto “se beneficia a toda a poboación, posto que se mellora a mobilidade viaria e se favorece o tránsito peonil”.

Roteiros de Lalín