O CONCELLO DE LALÍN DISPÓN DO 4% DO TOTAL DOS FONDOS DUSI PARA GASTOS ADMINISTRATIVOS DE XESTIÓN E FUNCIONAMENTO DA ESTRATEXIA

O CONCELLO DE LALÍN DISPÓN DO 4% DO TOTAL DOS FONDOS DUSI PARA GASTOS ADMINISTRATIVOS DE XESTIÓN E FUNCIONAMENTO DA ESTRATEXIA
Martes 20 de Xuño de 2017 - Esta cantidade, segundo as bases da orde das axudas, ten que ir dedicada obrigatoriamente á xestión do programa. O Concello contratará un administrativo ou administrativa por 3 anos para desenvolver estas funcións.

O Concello de Lalín acadou grazas a súa estratexia denominada Lalín SSUMA 21, axudas por un montante de 5 millóns de euros chegados dos fondos europeos FEDER, nun réxime de cofinaciamento polo que ten que aportar a súa parte (80 % FEDER-20% Concello de Lalín). O concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, explica a este respecto que, do total da execución dos fondos da estratexia, o Concello debe destinar obrigatoriamente, tal e como establecen as bases destas axudas, un 4% para gastos administrativos e de xestión de funcionamento, sendo este montante total de 250.000 euros. A previsión do Concello é usar este orzamento en accións de contratación de apoio e asesoramento “co obxectivo de garantir unha boa execución do proxecto Lalín Ssuma 21”.

Así, a previsión de gasto administrativo repartirase entre contratación dunha asesoría técnica para apoio e formación do denominado Organismo Intermedio Lixeiro (150.000 euros) e entre a contratación dun administrativo (funcionario interino) durante 3 anos e cun custo aproximado de 84.000 euros. Outros 16.000 destinaranse a gratificacións, dietas e desprazamentos deste persoal.

Deste xeito, o Concello vén de iniciar un expediente de contratación de persoal para a contratación do citado funcionario ou funcionaria administrativa por un prazo de 3 anos que terá como finalidade a xestión administrativa da estratexia Lalín Ssuma 21 cofinanciada con fondos FEDER da Unión Europea. As bases coas condicións desta contratación sairán publicadas proximamente no boletín oficial da provincia de Pontevedra.

O perfil do administrativo/a previsto debería adaptarse ,ademais dos coñecementos habituais que son requeridos para este tipo de persoal, ao programa que se vai levar a cabo, de xeito que a maiores do temario común sería conveniente que demostrara coñecementos sobre a Estratexia Lalín SSUMA 21 (publicada na web municipal), o Programa Operativo de Crecemento da UE 2014-2020 e a xestión dos Fondos DUSI publicadas nas bases da Orde HAP/2427/2015. Por outra banda, deberá demostrar un bo coñecemento de ferramentas informáticas de xestión administrativa e matemática, como follas de cálculo e valorarase o coñecemento básico doutro idioma comunitario.

As funcións do administrativo/a serán exclusivas para a xestión da Estratexia Lalín SSUMA 21 pois trátase dun posto que se vincula directamente con ese programa.

As súas funcións basicamente serán as seguintes :

  • Apoio administrativo na xestión do DUSI.

  • Xestión administrativa dos expedientes de execución, verificación da corrección dos mesmos antes de elevalos ao OIL.

  • Control administrativo dos cronogramas de execución previstos.

  • Control da documentación administrativa previa a solicitude de financiamento ao OIL.

  • Verificación administrativa e documental de que a execución das operacións adecuase ao DECA.

  • Apoio administrativo ao responsable DUSI municipal (so en labores relativas á Estratexia Lalín SSUMA 21).

  • Representar ao Concello de Lalín en organismos e reunións sobre a Estratexia Lalín SSUMA 21 cando o decida o responsable DUSI.

  • Xestión da información e contidos da web DUSI municipal.

Roteiros de Lalín