O CONCELLO DE LALÍN DESTINARÁ PRETO DE 46 MIL EUROS Á REPOSICIÓN DA CUBERTA NO MUSEO MUNICIPAL

O CONCELLO DE LALÍN DESTINARÁ PRETO DE 46 MIL EUROS Á REPOSICIÓN DA CUBERTA NO MUSEO MUNICIPAL
Xoves 5 de Outubro de 2017 - As obras financiaranse con cargo á Liña 1 do Plan Concellos e xa conta coa pertinente autorización da Deputación de Pontevedra. As actuacións considéranse fundamentais para o bo mantemento e uso do edificio.

A Deputación de Pontevedra vénlle de comunicar ao Concello de Lalín a concesión dunha achega de 45.710,48 euros para a execución do proxecto que permitirá a reposición da cuberta do Museo Municipal “Ramón María Aller”. A concelleira de Cultura, Lara Rodríguez, explicou hoxe as actuación financiaranse con cargo á Liña 1 do Plan Concellos e que teñen como obxectivo fundamental evitar a entrada de auga cara dentro do edificio de maneira que poida manter o bo estado que presenta o seu interior. Asemade, Lara Rodríguez indicou que o Concello xa solicitou autorización do servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia para desenvolver as actuacións, xa que o museo está incluído dentro do catálogo de bens protexidos do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Tal e como salientou a edil, na actualidade, a cuberta presenta un estado bastante deteriorado, con tellas desprazadas e rotas. Asemade, a estrutura de madeira da cuberta presenta condicións bastante malas nalgunhas zonas. Esta situación estase a ver agravada polas filtracións de auga ao interior, o que provoca a putrefacción e deterioro das madeiras nas que se apoian as tellas. Finalmente, a cuberta tamén rexistra algúns puntos con afundimentos. Todo isto fai necesaria a súa reposición para garantir o bo funcionamento do edificio, e para que non presente problemas para o uso ao que está destinado, como son as exposicións que obrigan a manter un ambiente seco e salubre.

Para o acondicionamento da cuberta será necesario levantar a chapa de fibrocemento e da tella curva da cuberta, así como das madeiras de base que se atopan en mal estado. Por outra banda, colocaranse pranchas de fibrocemento, sobre a que se emprazarán novas tellas de curva vermella, con pezas especiais, cabaletes e limas. Finalmente instalarase un canalón de cobre e faranse reparacións interiores de revestidos e pintados.

Calcúlase que o prazo para a correcta realización destas obras estímase en tres meses como máximo, unha vez estean adxudicadas.   

Roteiros de Lalín