O CONCELLO DE LALÍN DESTINA 350.000 EUROS A UN PLAN DE EMPREGO PARA CONTRATAR A MÁIS DE 30 TRABALLADORES

O CONCELLO DE LALÍN DESTINA 350.000 EUROS A UN PLAN DE EMPREGO PARA CONTRATAR A MÁIS DE 30 TRABALLADORES
Luns 19 de Febreiro de 2018 - Os fondos proveñen da liña 3 do Plan de Concellos da Deputación. O proceso selectivo dará comezo no mes de marzo para poder incorporar os novos operarios a principios de abril. O concelleiro de Emprego explica que os contratos -que terán unha duración aproximada de 9 meses- permitirán mellorar a prestación de servizos públicos no Concello e, ao tempo ofrecer unha saída laboral a persoas desempregadas. O alcalde incide en que o Goberno está a centrar os seus esforzos en desenvolver actividades que melloren a empregabilidade das persoas e as súas posibilidades de inserción laboral.

O Goberno de Lalín continúa coa súa firme aposta polo emprego, desta volta realizando un importante esforzo inversor para proceder á contratación directa de varias persoas desempregadas. Concretamente, o concelleiro de Emprego, José Manuel Fernández, informa de que o Goberno vén de aprobar destinar 347.100 euros da liña 3 do Plan de Concellos da Deputación de Pontevedra (a contía máxima permitida), á contratación de 31 novos traballadores e traballadoras en situación de desemprego. Fernández explicou que o Concello axilizou o máximo posible a tramitación desta achega co obxectivo de que a incorporación dos operarios poida realizarse o antes posible. “Hoxe mesmo se rexistrou na Deputación a solicitude” -sinalou- “polo que unha vez que o organismo provincial lle dea luz verde o proceso selectivo para cubrir os postos ofertados tería lugar durante o mes de marzo e os traballadores incorporaríanse ao concello o 1 de abril”.

Os contratos terán unha duración de entre 7 e 9 meses, dependendo do posto de traballo, explicou o concelleiro. A selección de traballadores realizarase mediante “un proceso totalmente aberto e transparente, buscando que poidan participar no mesmo o maior número de cidadáns”. Ao estaren as prazas ofertadas dirixidas a desempregados, tras efectuar o Concello as solicitudes de persoal, será o Servizo Público de Emprego o organismo encargado de remitir a relación de posibles candidatos para cada posto. A partir de aí, a administración municipal abrirá o proceso selectivo para cubrir as diferentes vacantes.

A elección dos postos de traballo necesarios levouse a cabo de modo acordado entre todos os membros do Goberno e tras analizar as principais necesidades do Concello e dos lalinenses, así como as prioridades de actuación e as carencias de cada servizo. Deste xeito, decidiuse priorizar no reforzo da brigada de obras e dar continuidade, unha ano máis, a unha brigada ambiental que se dedicará en exclusiva a manter en perfecto estado o paseo do Pontiñas. Ademais, cos novos contratos búscase dar saída ás necesidades de persoal dos servizos xerais. Como novidade incorporarase un filólogo especialista en toponimia solicitado pola concelleira de Cultura, que terá entre as súas funcións investigar as denominacións en determinadas zonas para bautizar rúas que carecen de nome a través da comisión do rueiro.

En concreto, a nómina de traballadores solicitados polo Concello de Lalín segundo a súa ocupación profesional é a seguinte: 1 contrato de carpinteiro, 6 de peón albanel, 3 de peón de obras, 3 auxiliares de xardinería, 1 de oficial xardineiro, 4 de peón pintor, 2 de condutor de tractor desbrozadora, 1 condutor de camión, 3 de auxiliar de información turística, 1 de auxiliar administrativo de apoio a Tesourería, 1 traballador social, 1 filólogo, 1 bibliotecario, 1 auxiliar administrativo de apoio a deportes, 1 auxiliar de informática e 1 técnico de comercio.

O responsable de emprego, José Manuel, salienta que, a través desta oportunidade que ofrecen os fondos da Deputación, “o Goberno de Lalín cubre e reforza as necesidades operativas do concello e, en consecuencia, vai incrementar a cantidade e mellorar a calidade na prestación dos servizos públicos á cidadanía”. Con todo, destaca outro factor que ao seu parecer “é aínda máis importante, pois estamos a pór en marcha unha oportunidade para que moita xente poida acceder a un posto de traballo nun momento de dificultades no mercado laboral”.

Nesta mesma idea incide o alcalde de Lalín. Rafael Cuíña resalta que “ben sexa a través desta oportunidade que ofrece o Plan de Concellos ou ben a través doutro tipo de medidas, o Goberno municipal está a centrar os seus esforzos en desenvolver actividades que melloren a empregabilidade das persoas e as súas posibilidades de inserción laboral”. “Sabemos”, engade o rexedor, “que non temos competencias directas en materia de emprego, pero iso non vai ser nunca un pretexto para que este Goberno permaneza de brazos cruzados ante a lacra do paro, a pesar de que o desemprego se reduciu notablemente nos últimos dous anos con este Goberno, pero somos conscientes de que segue a ser un problema que preocupa ás nosas veciñas e veciños”. Así, lembra a recente consecución por parte do Goberno de 425.000 euros para desenvolver un plan de cualificación profesional destinado a mozas e mozos. Trátase dunha subvención conseguida a través do Fondo Social Europeo mediante a que se poñerá en marcha un proxecto para no que poderán formarse en diferentes sectores ata 75 persoas de cara á súa integración no mercado de traballo. 

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín