O CONCELLO DE LALÍN DESTINA 15 MIL EUROS A SUBVENCIONAR ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO NO EIDO DOS SERVIZOS SOCIAIS

O CONCELLO DE LALÍN DESTINA 15 MIL EUROS A SUBVENCIONAR ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO NO EIDO DOS SERVIZOS SOCIAIS
Venres 23 de Marzo de 2018 - González Casares explica que esta iniciativa, xunto con outras medidas postas en marcha a favor da integración “reafirman a aposta e o compromiso deste Goberno cos servizos sociais”. As achegas permitirán desenvolver programas e actividades que beneficien a persoas e colectivos que se atopen en situación de desvantaxe.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, vén de anunciar que o Concello de Lalín vai destinar este ano 15.000 euros a subvencionar asociacións e entidades sen ánimo de lucro do eido dos servizos sociais. As axudas -que xa foron aprobadas polo Goberno- servirán para o desenvolvemento, durante este ano, de programas e actividades que beneficien a colectivos de persoas do termo municipal de Lalín que se atopen en situación de desvantaxe. En palabras do concelleiro este programa supón “un nova constatación da aposta do Goberno local polas políticas sociais, un dos piares primordiais da actuación municipal en Lalín para este mandato”. Casares fai fincapé en que este compromiso é evidente ao comprobar que nos tres anos de xestión do Goberno se dedicaron 87.000 euros a axudas directas a entidades do eido dos servizos sociais. 

Entre os obxectivos desta convocatoria que se pon en marcha por terceiro ano consecutivo e cuxo prazo de presentación de solicitudes se abrirá en breve- están, por exemplo, os de promover a iniciativa social, a participación comunitaria ou o asociacionismo solidario e a innovación en materia de prestación de servizos sociais. Tamén se pretenden fomentar iniciativas que promovan a inclusión social e que loiten contra as desigualdades, apoiar a profesionalización das entidades de prestación social sen ánimo de lucro ou corrixir déficits na cobertura ou na prestación de servizos sociais por parte da administración municipal.

Casares explicou que a activación destas prestacións municipais xa permitiu levar a cabo nos últimos anos importantes programas a favor da integración de persoas con diversidade funcional, mellorar a atención sociosanitaria, activar programas de educación comunitaria e, en definitiva, mellorar a solidariedade do concello de Lalín con aqueles que máis o precisan. Ademais, estas achegas tamén permiten a contratación de profesionais do ámbito do traballo social por parte das asociacións, de xeito que “non só estamos axudando a entidades sen ánimo de lucro de cara a fins sociais, senón que tamén estamos favorecendo o emprego colaborando no pago de salarios”, afirma Casares. O tamén tenente de alcalde lembra que estas axudas, de xeito paralelo a outras medidas como a posta en marcha de diferentes descontos, ou a maior atención a persoas con diversidade funcional a través de iniciativas como a mellora da accesibilidade, “reafirman a aposta e o compromiso deste Goberno cos servizos sociais”.

As axudas outorgaranse baixo os principios de publicidade, transparencia, concorrencia competitiva, obxectividade, igualdade e non discriminación. Terán carácter voluntario e eventual e non serán invocables como precedente. En calquera caso, as achegas concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con outras que puideran obter os beneficiarios doutras administracións públicas ou calquera outra entidade de natureza pública ou privada.

Casares lembrou que as entidades interesadas teñen á súa disposición os Servizos Sociais do Concello para asesorar ou informar sobre a tramitación das subvencións.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín