O CONCELLO DE LALÍN DESTINA 15 MIL EUROS A SUBVENCIONAR A ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO NO EIDO DOS SERVIZOS SOCIAIS

O CONCELLO DE LALÍN DESTINA 15 MIL EUROS A SUBVENCIONAR A ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO NO EIDO DOS SERVIZOS SOCIAIS
Mércores 15 de Marzo de 2017 - As axudas permitirán desenvolver programas e actividades que beneficien a persoas e colectivos que se atopen en situación de desvantaxe. Este ano as asociacións poderán solicitar o adianto de ata o 80% da cantidade total a recibir e será subvencionable ata o 100% dos gastos de persoal.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares vén de anunciar que o Concello de Lalín vai destinar este ano 15.000 euros a subvencionar asociacións e entidades sen ánimo de lucro do eido dos servizos sociais. As axudas -que foron aprobadas hoxe- servirán para o desenvolvemento, durante este ano, de programas e actividades que beneficien a colectivos de persoas do termo municipal de Lalín que se atopen en situación de desvantaxe. González Casares indica que este programa supón “un nova constatación da aposta do Goberno local polas políticas sociais, un dos piares primordiais da actuación municipal en Lalín para este mandato” e lembra que “o ano pasado estas axudas permitiron a realización de programas de integración social de enorme aproveitamento para a sociedade lalinense como os desenvolvidos por Aspadeza, Aranes e O Mencer”.

Entre os obxectivos desta convocatoria -cuxo prazo de presentación de solicitudes se abrirá en breve- están, por exemplo, os de promover a iniciativa social, a participación comunitaria ou o asociacionismo solidario e a innovación en materia de prestación de servizos sociais. Tamén se pretenden fomentar iniciativas que promovan a inclusión social e que loiten contra as desigualdades, apoiar a profesionalización das entidades de prestación social sen ánimo de lucro ou corrixir déficits na cobertura ou na prestación de servizos sociais por parte da administración municipal. Non obstante, como aclarou Nicolás González Casares, na presente convocatoria introducíronse unha serie de matices coa finalidade de mellorar o obxecto social das axudas e propiciar un manexo mais sinxelo dos fondos por parte das asociacións.

Aí, por unha banda non poderán ser obxecto de axuda na presente convocatoria as actividades subvencionadas no mesmo exercicio a través doutras convocatorias ou convenios asinados co Concello de Lalín como as financiadas a Aspadeza no pasado exercicio con preto de 10.000 euros. Por outro lado, unha das novidades radica en que os colectivos poderán solicitar o adianto do 80% da cantidade total a recibir para evitar tensións coa súa tesourería e, finalmente, e co obxecto de fomentar a profesionalización das entidades, esta convocatoria permitirá subvencionar ata o 100% dos gastos de persoal. Nesta liña o tamén tenente de alcalde sinalou que “non só estamos axudando a entidades sen ánimo de lucro de cara a fins sociais, senón que tamén estamos favorecendo o emprego colaborando no pago de salarios”. Casares lembrou que as entidades interesadas teñen á súa disposición os Servizos Sociais do Concello para asesorar ou informar sobre a tramitación das subvencións.

As axudas outorgaranse baixo os principios de publicidade, transparencia, concorrencia competitiva, obxectividade, igualdade e non discriminación. Terán carácter voluntario e eventual e non serán invocables como precedente. En calquera caso, as achegas concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con outras que puideran obter os beneficiarios doutras administracións públicas ou calquera outra entidade de natureza pública ou privada.

O importe total da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada. Respectando os límites previstos na convocatoria contía máxima da subvención será de 5.000 euros por entidade.

Roteiros de Lalín