O CONCELLO DE LALÍN DEDICA 108 MIL EUROS A MELLORAS EN INFRAESTRUTURAS DE ABASTECEMENTO

Martes 15 de Maio de 2018 - As actuacións servirán para dar resposta ás demandas veciñais sobre o abastecemento e para corrixir as carencias que se producen en verán. Contempla a construción de novos depósitos en Bustelo e Anzo e a ampliación da rede de subministro en Palmou, Madriñán e Gondoriz.

O tenente de alcalde, Nicolás González Casares, e o concelleiro de Rural, Miguel Medela, anuncian que o Concello de Lalín vai destinar un total de 108.329,29 euros para o proxecto municipal denominado “Ampliación e mellora das infraestruturas de abastecemento en Bustelo-Lebozán, Anzo, Palmou e Madriñán”. O Concello de Lalín xa foi notificado favorablemente da concesión desta importante achega procedente do Fondo de Compensación Ambiental 2018. Trátase dunha subvención finalista para actuacións de carácter ambiental que se concede pola presenza de parques eólicos. O ano pasado esta achega destinouse a intervencións no Candán e, no actual, unha parte destinarase a esa zona e outra á área de Madriñán e o monte do Carrio, onde tamén hai presenza de aeroxeneradores. Trátase, como indicaron os concelleiros, de reinvestir o diñeiro naquelas zonas que son realmente afectadas por cuestións ambientais compensando as citadas afeccións mediante proxectos beneficiosos para as zonas.

O proxecto, tal e como apuntaron os concelleiros, servirá para mellorar os servizos de abastecemento de auga nas localidades onde se vai actuar mediante a construción de novas infraestruturas e a ampliación dos sistemas de traída de augas, para dar resposta ás demandas veciñais sobre esta cuestión e, ao tempo, tratar de acabar cos riscos de desabastecemento que se están producindo cada verán durante os últimos anos.

Contempla en primeiro lugar a construción dun depósito de auga do lugar de Bustelo, na parroquia de Lebozán. O existente actualmente, que se sitúa na zona da captación presenta un estado moi deteriorado, con importantes fendas que provocan que non garde auga, inhabilitándoo por completo para o uso que debe prestar. Porén, construírase un novo con capacidade para albergar 15 metros cúbicos, nunha zona con maior accesibilidade e próximo á vía pública é máis próximo ao punto medio de consumo, que permitirá un óptimo aproveitamento e subministro da auga mediante a adaptación da liña de abastecemento.

Os núcleos da parroquia de Anzo abastécense de dous depósitos: un de reserva xeral, que serve para alimentar a maioría das aldeas e bebe do manantial de Porta Remoire, e outro pequeno que se alimenta da cima de Alemparte e serve os núcleos de Castro e Outeiro. Ámbolos depósitos teñen perdas considerables debidas ao seu deterioro, polo que despois de estudar varias solucións para arranxalos, decidiuse construír dous novos, previo derrubo dos existentes.

Na parroquia de Palmou, e máis concretamente no lugar de Rielo, os residentes veñen sufrindo cada verán importantes problemas de abastecemento por mor da escaseza de chuvias. Varias vivendas deste núcleo non teñen conexión á rede de abastecemento municipal que discorre cara Palio pola estrada EP:6009 e que debido á súa cercanía con Rielo se vai aproveitar para entrocarse nela, ampliando a rede de subministro e dando unha solución ás carencias en verán. Por último, tamén se ampliará a rede de abastecemento a vivendas do núcleo de Gondoriz Grande (Vilatuxe), aproveitando a rede de distribución existente no lugar sen servizo para alimentala en cabeceira cunha liña dende Gondoriz Pequeno. Asemade, O Concello acometerá a ampliación da rede de abastecemento ata Madriñán, aproveitando a arteria de subministro de Noceda e levándoa pola estrada EP.6005 ata os núcleos cercanos para solucionar problemas de abastecemento e dar servizo á veciñanza.

Casares e Miguel Medela puxeron de relevo a trascendencia desta actuación, que permitirá seguir incrementando os servizos no rural e dar resposta a cuestións tan importantes para os veciños e veciñas como o correcto abastecemento de auga en núcleos con importantes carencias en época de seca nos que incluso no pasado verán foi preciso realizar subministros de emerxencia, debido ás dificultades da seca.

O Concello de Lalín, unha vez resolta a concesión da axuda, axilizará os tramites do expediente de contratación para poder executar e xustificar esta axuda en prazo. O proxecto, tal e como establece na lei de contratacións, debe ser licitado en aberto, de modo que a debe superar uns prazos administrativos legais. A tardía resolución por parte da Xunta o ano pasado desta achega provocou dificultades que fixeron imposible xustificala en prazo, denegando, ademais, o Goberno galego as prórrogas solicitadas polo Concello.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín