O CONCELLO DE LALÍN CREARÁ UNHA BOLSA DE EMPREGO PARA CUBRIR BAIXAS E REALIZAR SUBSTITUCIÓNS DE PERSOAL MUNICIPAL

O CONCELLO DE LALÍN CREARÁ UNHA BOLSA DE EMPREGO PARA CUBRIR BAIXAS E REALIZAR SUBSTITUCIÓNS DE PERSOAL MUNICIPAL
Mércores 12 de Xullo de 2017 - As bases da convocatoria foron publicadas este martes no BOPPO Poden consultarse a través dos seguintes enlaces: http://www.boppo.depo.es/web/boppo/detalle/-/boppo/2017/07/11/2017031009 e http://www.boppo.depo.es/web/boppo/detalle/-/boppo/2017/07/11/2017031012

O Boletín Oficial da Provincia publicou as bases reguladoras do proceso selectivo para a creación dunha bolsa de emprego no Concello de Lalín. A través desta iniciativa, pactada en meses pasados cos sindicatos, o Concello habilitará unha listaxe de contratación para cubrir baixas que se poidan producir e realizar substitucións de persoal municipal auxiliar administrativo. En concreto ofértanse prazas de monitor/a deportivo, axente de aparcadoiro, condutor operario, auxiliar de protección civil, condutor/a, administrativo/a, auxiliar administrativo/a, limpador/a e conserxe. Este proceso  seguirá a liña do posto en marcha o pasado ano para contratar monitores deportivos, persoal de limpeza e auxiliares de aparcadoiro. Porén, tal e como explicou a concelleira de emprego, Katia Procino, o proceso será absolutamente transparente e aberto, compoñéndose dunha proba teórica, unha práctica, unha de coñecemento da linga galega e unha valoración de méritos e capacidades.

Esta bolsa permitirá a cobertura non permanente das vacantes que se precisen e daqueles postos que permitan cubrir as eventuais necesidades que demande o Concello cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

1.—Necesidades do Servizo, por incremento temporal e excepcional da carga de traballo, a fin de garantir o seu adecuado funcionamento

2.—Incapacidade temporal para cubrir baixas por enfermidade

3.—Permiso por maternidade ou paternidade

4.—Uso do período de vacacións ou permiso por asuntos propios

5.—Licenza por asuntos propios

6.—Excedencias e/ou calquera outra situación administrativa na que quede a praza ou posto baleiro.

As persoas que desexen formar parte da bolsa de emprego deberán facelo constar mediante unha instancia dirixida ó alcalde-presidente do Concello de Lalín. A instancia conterá, polo menos, os datos persoais do/a solicitante, o seu enderezo e un teléfono para podelo localizar,así como a denominación do posto ofertado, e achegarase a seguinte documentación:

— Fotocopia en vigor do documento nacional de identidade ou da tarxeta acreditativa da súa identidade, expedida polas autoridades competentes no caso de cidadáns comunitarios.

— Titulación esixida para desempeñar o posto ó que opta.

— Fotocopia compulsada da tarxeta de demanda de emprego ou da de mellora.

— Relación numerada dos méritos alegados e a correspondente xustificación documental de cada un deles.

No Rexistro xeral do Concello facilitaráselles ás persoas interesadas o modelo de instancia desta convocatoria.

As persoas aspirantes deberán presentar unha instancia por cada un dos postos de traballo solicitados.

O prazo para presentar as solicitudes será de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).


Roteiros de Lalín