O CONCELLO DE LALÍN CONVOCARÁ UN CONCURSO DE PROXECTOS PARA A REHABILITACIÓN DA ÁREA DE INTERESE PATRIMONIAL E CULTURAL DE DONRAMIRO

O CONCELLO DE LALÍN CONVOCARÁ UN CONCURSO DE PROXECTOS PARA A REHABILITACIÓN DA ÁREA DE INTERESE PATRIMONIAL E CULTURAL DE DONRAMIRO
Luns 30 de Abril de 2018 - Trátase dunha modalidade de concurso aberto e anónimo e dirixido a estudos de arquitectura. Os proxectos deberán definir as actuacións encamiñadas á recuperación, potenciación e posta en valor dunha zona de enorme importancia histórica, así como a establecer a súa relación co caso urbano e o paseo do Pontiñas. A intervención na zona de Donramiro vai ser unha das máis complexas e longas da estratexia DUSI, pero tamén unha das máis transformadoras e necesarias para a zona

O Goberno municipal está a ultimar a redacción da bases para convocar un concurso de proxectos para a rehabilitación e posta en valor da área de interese patrimonial, cultural de Donramiro. O concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, salienta que esta iniciativa -aberta a todos aqueles estudos de arquitectura que queiran participar- servirá de base para definir as actuacións próximas e futuras encamiñadas á recuperación e potenciación desta zona.

Desta maneira, a recuperación dese entorno vai permitir establecer unha relación harmónica e respectuosa entre a Igrexa e o Castro (zonas que xa están catalogadas como recursos protexidos) co casco urbano de Lalín e o paseo do Pontiñas. Pola súa banda, o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, incide na extraordinaria importancia histórica do entorno de Donramiro e resalta que a súa posta en valor permitirá potenciar as súas grandes posibilidades e o seu enorme atractivo para o desfrute por parte da veciñanza de Lalín e dos nosos visitantes”.

A rehabilitación da área de interese patrimonial e cultural de Donramiro é un dos proxectos incluídos dentro da estratexia DUSI Lalín SSUMA21, pola que o Concello de Lalín acadou máis de cinco millóns de fondos europeos FEDER para o desenvolvemento de diferentes iniciativas. En concreto, a actuación na zona de Donramiro ten un investimento previsto de 702 mil euros, dos que o 80 por cento (preto de 562 mil) estarán cofinanciados con cargo ao programa operativo de crecemento sustentable dos FEDER.

Ademais do importante investimento, Nicolás González Casares salienta que “estamos ante unha das intervencións que se presumen máis longas e complexas dentro do desenvolvemento da estratexia, pero tamén vai ser unha das máis transformadoras e necesarias, polo que é importante comezar cun proxecto moi ben medido e de futuro”. Nesta Liña, o tenente de alcalde indica que a parroquia de Donramiro é unha das zonas que “máis vai notar as intervencións positivas do DUSI no seu entorno, o que se sumará a outras iniciativas como a próxima execución da rotonda do Monserrat”.

Con respecto á fase preparatoria deste concurso deste proxecto, o edil de Urbanismo indica que xa se está rematando o estudio topográfico que servirá de base aos participantes para realizaren os seus traballos. Ademais, o Concello ten previsto reunirse proximamente cos veciños propietarios da zona para recoller as súas suxestións e propostas e para resolver as súas dúbidas, xa que o Castro de Donramiro a día de hoxe é privado aínda que forme parte dun solo rústico protexido patrimonialmente.

De maneira específica, e tal e como recolle o borrador das bases deste concurso, os estudios que participen no mesmo deberán cumprir cos seguintes obxectivos:

- Recuperar e humanizar o entorno máis próximo á Igrexa románica de Donramiro e os seus accesos principais.

- Recuperar e sinalizar os camiños que levan ao Castro de Donramiro e poñer en valor a súa situación como mirador natural sobre Lalín .

- Musealizar de forma respectuosa os atractivos patrimoniais e turísticos de Donramiro.

- Dar solucións de compatibilidade co PXOM de Lalín e coas normas vixentes, en especial aquelas relativas á protección do Patrimonio cultural e histórico.

Para definir estas actuacións, os estudios que se presenten ao concurso deberán presentar un anteproxecto de rehabilitación da área de Donramiro que estableza as liñas mestras da actuación a desenvolver, diferenciando claramente dúas áreas: a área de estudio xeneral e a área de intervención inicial. Tamén terán que redactar o proxecto básico e de execución na área de actuación inicial que obrigatoriamente abranguerá o entorno da Igrexa de Donramiro, a aureola do castro e a conexión entre estes dous elementos patrimoniais. Ademais, poderán asumir a dirección facultativa da obra.

Trátase dunha modalidade de concurso aberta e anónima na que os estudos de arquitectura participantes só deberán acreditar uns requisitos mínimos de solvencia técnica e profesional. O xurado do concurso -ademais de técnicos municipais- contará con persoal técnico da Deputación de Pontevedra (un arquitecto máis un arqulogo) e de Patrimonio (que achegará tamén un arquitecto e un arqueólogo). Nesta liña, Nicolás González Casares indica que o Concello xa fixo xestións con esas administracións solicitando a súa participación, e que xa comunicaron o seu interese en formar parte do xurado. A este xurado tamén estarán invitados os diferentes grupos políticos municipais, con voz pero sen voto. O premio do concurso será o encargo da redacción dos diferentes proxectos e da dirección de obra, como xa se pre na nova Lei de Contratos.

O concelleiro de Urbanismo explica que as bases están moi avanzadas e que, dentro dos criterios que o xurado terá para establecer o gañador final, valoraranse como mínimo os seguintes aspectos: a adecuación ao entorno; a calidade arquitectónica da proposta; os criterios de eficiencia enertica, ambientais, económicos, sociais e de mantemento; a adaptación do proxecto á dispoñibilidade orzamentaria e a proposta de intervención arqueolóxica no Castro e a súa viabilidade técnica e económica. Ao mesmo tempo, González Casares fai fincapé en que –tal e como acontece de maneira transversal en todos os proxectos que se van acometer con cargos aos fondos europeos FEDER para o DUSI, tamén terá especial relevancia a proposta para a participación cidadá durante a redacción do proxecto.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín