O CONCELLO DE LALÍN CONTRATARÁ 37 TRABALLADORES A TRAVÉS DO PLAN DE CONCELLOS DA DEPUTACIÓN

O CONCELLO DE LALÍN CONTRATARÁ 37 TRABALLADORES A TRAVÉS DO PLAN DE CONCELLOS DA DEPUTACIÓN
Luns 3 de Abril de 2017 - O proceso selectivo podería iniciarse na segunda metade de abril, unha vez a Deputación aprobe a solicitude e o INEM remita unha relación de candidatos para cada posto. Katia Procino explica que os contratos -que terán unha duración aproximada de 7 meses- permitirán mellorar a prestación de servizos públicos no Concello. Tamén ofrecerán unha oportunidade laboral a desempregados, co que se avanzará no obxectivo de reducir as cifras do paro do municipio.

A concelleira de Emprego, Katia Procino, anunciou esta mañá que Lalín vai solicitarlle á Deputación de Pontevedra a contratación de 37 traballadores e traballadoras a través da liña 3 do Plan de Concellos do organismo provincial. Unha vez a Deputación lle dea luz verde a esta solicitude -que suporá unha achega de máis de 341 mil euros- o proceso selectivo para cubrir cada un dos postos ofertados podería poñerse en marcha na segunda quincena de abril.

Procino explica que os contratos terán unha duración aproximada de 7 meses e irán destinados a persoas en situación de desemprego, tal e como establecen as bases do programa. A concelleira de Emprego explica que “a selección de traballadores realizarase mediante un proceso totalmente aberto e transparente, buscando que poidan participar no mesmo o maior número de cidadáns”. Ao estaren as prazas ofertadas dirixidas a desempregados, tras efectuar o Concello as solicitudes de persoal, será o INEM o organismo encargado de remitir a relación de posibles candidatos para cada posto. A partir de aí, a administración municipal abrirá o proceso selectivo para cubrir as diferentes vacantes.

En concreto, a nómina de traballadores solicitados polo Concello de Lalín segundo a súa ocupación profesional é a seguinte: 6 contratos de peón albanel, 1 de albanel (oficial de 1ª), 5 de peón de obras, 5 de peón xardineiro, 1 de xardineiro (oficial de 1ª), 4 de peón pintor, 1 de carpinteiro (oficial de 1ª), 1 de peón carpinteiro, 3 de condutor, 3 de auxiliar de información turística, 2 de técnico informático, 1 de bibliotecario, 1 de técnico de comercio, 1 de técnico de enfermería-DUE, 1 de educador social e 1 de técnico de actividades físico-deportivas.

A responsable de emprego, Katia Procino, salienta que, a través desta oportunidade que ofrecen os fondos da Deputación, “o Goberno de Lalín cubre e reforza as necesidades operativas do concello e, en consecuencia, vai incrementar a cantidade e mellorar a calidade na prestación dos servizos públicos á cidadanía”. Por iso explicou que “a elección dos postos de traballo necesarios levouse a cabo de modo acordado entre todos os membros do Goberno e tras analizar as principais necesidades do Concello e dos lalinenses, así como as prioridades de actuación e as carencias de cada servizo”. En calquera caso, para a concelleira hai outro factor que resulta “aínda máis importante: estamos a pór en marcha unha oportunidade para que moita xente poida acceder a un posto de traballo nun momento moi complicado do mercado laboral”.

Nesta mesma idea incide o alcalde de Lalín. Rafael Cuíña resalta que “ben sexa a través desta oportunidade que ofrece o Plan de Concellos ou ben a través doutro tipo de medidas, o Goberno municipal está a centrar os seus esforzos en desenvolver actividades que melloren a empregabilidade das persoas e as súas posibilidades de inserción laboral”. “Sabemos”, engade o rexedor, “que non temos competencias directas en materia de emprego, pero iso non vai ser nunca un pretexto para que este Goberno permaneza de brazos cruzados ante a lacra do paro, un dos problema que máis seguen a preocupar ás nosas veciñas e veciños”. Así, lembra que o Concello de Lalín se “está a volcar no desenvolvemento de proxectos que permitan incidir aínda máis na redución das cifras do paro”. 

Roteiros de Lalín