O CONCELLO DE LALÍN ADOPTA MEDIDAS PARA INCREMENTAR A SEGURIDADE VIARIA NA ROTONDA DE GARCÍA SÁNCHEZ

O CONCELLO DE LALÍN ADOPTA MEDIDAS PARA INCREMENTAR A SEGURIDADE VIARIA NA ROTONDA DE GARCÍA SÁNCHEZ
Martes 27 de Xuño de 2017 - Persoal municipal realiza tarefas de desbroce e de limpeza nas interseccións da glorieta para mellorar a visibilidade. Tamén se colocará un espello na rotonda para dar resposta ás demandas dos veciños que lle trasladaron os veciños hai uns días. O alcalde, acompañado dun técnico municipal e de membros de Protección Civil, visitou esta mañá a zona por segunda vez para avaliar máis actuacións destinadas a evitar posibles accidentes.

O alcalde de Lalín anunciou hoxe diferentes actuacións para incrementar a seguridade viaria na rotonda de García Sánchez, que está emprazada na Rolda Leste. En concreto, Rafael Cuíña explicou que esta mesma mañá se lle deron instrucións a operarios municipais para que procedesen á limpeza e desbroce das cunetas que están situadas na intersección da glorieta. Coa eliminación da maleza, vai mellorar a visibilidade para os coches que se incorporan a esta rotonda, unha medida que tamén se complementará coa colocación dun espello na súa parte central e e que ten por obxectivo propiciar que os condutores dos coches que se incorporan dende a estrada do parque do Rodo poidan comprobar se se aproxima algún vehículo dende a súa esquerda.

Rafael Cuíña explicou que estas medidas servirán para dar resposta ás demandas que lle trasladaron os veciños da zona nun encontro celebrado con eles hai un par de semanas. Tras realizar unha primeira visita á zona cun técnico unha semana despois deste encontro, o alcalde visitou hoxe a zona por segunda vez -acompañado polo concelleiro Miguel Medela, un técnico municipal e membros de Protección Civil- para avaliar a posibilidade de activar outras medidas, como a colocación de sinais luminosos que sirvan para alertar de maneira máis visible da obriga de reducir da velocidade. Neste sentido lémbrase que a velocidade nas rotondas está limitada a 40 quilómetros por hora, tal e como está sinalizado, e que existe a obriga de cederlle o paso aos vehículos que se atopen xa no seu interior.

Ao mesmo tempo, o alcalde lembra que o proxecto do arranxo da Rolda Leste incluíu xa a colocación no seu firme dunha última capa asfáltica con características especiais para incrementar a adherencia dos pneumáticos dos coches, o que xa supuxo un aumento da seguridade en toda a Rolda Leste e nesa zona en particular. En calquera caso, o Concello estudará a posibilidade de acometer outras actuacións, tal e como se comprometeu o alcalde coa veciñanza, unha vez estean en vigor os orzamentos para este ano 2017. 

Roteiros de Lalín