O CONCELLO DE LALÍN ADHÍRESE Á HISTORIA SOCIAL ÚNICA ELECTRÓNICA PARA MELLORAR A ATENCIÓN EN SERVIZOS SOCIAIS

Venres 16 de Febreiro de 2018 - Abarca o conxunto de informacións nas que se conteñen os datos e as valoracións de calquera tipo sobre a situación e a evolución da atención social dun usuario. Nicolás González Casares explicou que a súa aplicación vai ser moi positiva sobre todo para os traballadores sociais.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, informa de que o Goberno de Lalín vén de aprobar en Xunta de Goberno a adhesión do Concello de Lalín ao convenio asinado entre a Xunta e a FEGAMP para implantar no Concello a denominada historia social única electrónica. A historia social única -indica o concelleiro- abarca o conxunto de informacións e documentos en formato electrónico nos que se conteñen os datos, as valoracións e as informacións de calquera tipo sobre a situación e a evolución da atención social das persoas usuarias do sistema galego de servizos sociais ao longo do proceso de intervencións, así como a identificación dos profesionais que interviron sobre o citado usuario.

Casares explica que en Galicia xa hai preto de 100 concellos acollidos ao convenio de adhesión á historia social única, afirmando que a súa posta en marcha, despois de comprobar o seu funcionamento, vai ser moi positiva sobre todo para os traballadores sociais, xa que esta ferramenta recollerá todas e cada unha das visicitudes sociais dun usuario, non só as do Concello, senón tamén as atencións recibidas dende outros departamentos e administracións, de xeito que se mellorará o traballo e, polo tanto, a atención ao usuario.

Asemade, coa integración das tecnoloxías da información e a comunicación nas xestión dos servizos sociais, mellorarase a súa eficiencia para garantir a sustentabilidade do sistema e incrementar a capacidade para dar cobertura a unha demanda de atencións social en aumento.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín