O CONCELLO DE LALÍN ACOMETEU NOS ÚLTIMOS DÍAS NUMEROSAS ACTUACIÓNS DE MELLORA EN PISTAS E CAMIÑOS RURAIS DE DIFERENTES PARROQUIAS

O CONCELLO DE LALÍN ACOMETEU NOS ÚLTIMOS DÍAS NUMEROSAS ACTUACIÓNS DE MELLORA EN PISTAS E CAMIÑOS RURAIS DE DIFERENTES PARROQUIAS
Luns 7 de Agosto de 2017 - • Foron levadas a cabo con maquinaria da Mancomunidade e permitiron o arranxo de viais en Lodeiro, Des, Cabreira-Rodelas,Palmou, Vilatuxe, Sello e Bermés. • Os traballos, que consistiron na nivelación e dotación de novo firme, así como na limpeza de cunetas, terán continuidade noutras partes do municipio. • Rafael Cuíña mostrouse moi satisfeito con estas tarefas coas que se segue avanzando na recuperación do rural, unha das prioridades do Goberno.

O concelleiro de Rural, Miguel Medela, informa de que o Concello de Lalín acometeu nos últimos días numerosas actuacións de acondicionamento e mellora de pistas e camiños rurais en diferentes puntos do municipio de Lalín. Estes traballos -moi demandados pola veciñanza- xa foron executados nos lugares de Lodeiro, Des (Soutolongo), Cabreira e Rodelas (Maceira e Catasós), Palmou e Bermés, onde se acondicionaron pistas mediante a súa limpeza e nivelación e posterior colocación dun novo firme a base de material pétreo e árido. Nestes puntos tamén se realizaron limpezas de cunetas e desbroces. Por outra banda, informa o concelleiro, xa quedaron rematados os traballos de limpeza de cunetas en pistas de Vilatuxe e Sello, onde se levaron adiante melloras de vías a través da retirada de restos de broza e de terra acumulada nas marxes.

Estas actuacións foron realizadas con maquinaria da Mancomunidade Terras do Deza e terán continuidade en zonas como Muimenta, onde se realizaran similares traballos. Alén das melloras en pistas, botando man desta maquinaria, o Concello de Lalín tamén levou a cabo obras de mellora na pista de motocross do Monte do Carrio e na dotación de firme nas beirarrúas da Rolda Leste.

Pola súa banda, o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, mostrouse moi satisfeito polo “inxente traballo desenvolvido nas últimas semanas polos operarios da Mancomunidade” que, tras o parón por descanso en verán, que terá lugar a partir do día 11, continuarán actuando no concello de Lalín e levando a cabo novos traballos en beneficio da cidadanía.

O rexedor indica que grazas a estas actuacións o Goberno de Lalín continúa dando resposta ás necesidades dos veciños, ao tempo que se avanza de maneira considerable nun dos obxectivos prioritarios do Goberno para este mandato: a recuperación do rural. Como explica Cuíña, “mentres outros se dedican a embarrar, o Goberno segue traballando arreo para fomentar o desenvolvemento das áreas rurais e dos sectores agrogandeiros do municipio mellorando os accesos”. Finalmente, Cuíña felicita ao concelleiro do Rural polo seu “esforzo, traballo e eficacia” tal e como lle trasladan de xeito habitual numerosos veciños e veciñas. 

Roteiros de Lalín