O CONCELLO DE LALÍN ACOMETERÁ O ARRANXO INTEGRAL DA RÚA PINTOR COLMEIRO

O CONCELLO DE LALÍN ACOMETERÁ O ARRANXO INTEGRAL DA RÚA PINTOR COLMEIRO
Luns 19 de Marzo de 2018 - Francisco Vilariño anunciou o investimento de 40 mil euros na reposición do firme e na reconstrución das beirarrúas desta vía. O proxecto complementa o anunciado para o arranxo de Alcalde Ferreiro e permitirá homoxeneizar o aspecto do bloque formado por Pintor Colmeiro, Alcalde Ferreiro e rúa D. A intervención non implicará cambios na dirección de circulación e seguirase permitindo o estacionamento de vehículos en ambas marxes.

O concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, vén de anunciar a posta en marcha dun novo proxecto en aras de mellorar a accesibilidade e a mobilidade urbana dentro da cabeceira municipal. Concretamente, o Concello de Lalín vai acometer o arranxo integral da rúa Pintor Colmeiro mediante unha ambiciosa actuación que comprenderá tanto a mellora do firme como a reposición das beirarrúas. Tal e como adiantou o titular de Obras, este proxecto suporá unha inversión de aproximadamente 40 mil euros, que partirán da liña 1 do Plan de Concellos da Deputación de Pontevedra.

Francisco Vilariño -que hoxe visitou a zona na que se vai actuar- indicou, ademais, que esta intervención complementa a xa anunciada de mellora do firme e das beirarrúas da rúa Alcalde Ferreiro, o que en conxunto permitirá homoxeneizar e rexenerar por completo o aspecto dunha zona urbana céntrica cunha alta densidade poboacional e con gran actividade comercial como é a formada polo bloque de rúas D, Alcalde Ferreiro e Pintor Colmeiro.

Esta última conta cunha lonxitude total de 75 metros e un ancho de 12. As súas beirarrúas están actualmente nun estado de deterioro moi importante tras moitos anos sen ningún tipo de actuación na zona. Presentan plaquetas rotas e desniveladas pola falta de base de formigón, así como diferencias de continuidade en altura entre as tapas das arquetas e o resto das plaquetas. O pavimento tamén sofre actualmente múltiples fochancas, con zonas nas que se observa moi cuarteado, o que agrava a aparición de novos buracos. Así, o proxecto hoxe anunciado polo titular de obras corrixirá estes defectos e mellorará substancialmente as condicións dunha vía que non presenta a nivel xeral un bo estado de conservación e que acumula anos sen melloras, motivo polo que é preciso intervir con rapidez na súa recuperación.

As actuacións a realizar comprenden, por un lado, o levantado da plaqueta das beirarrúas e do bordo de formigón coa posterior colocación de novo pavimento de lousas rectangulares iguais en deseño ás existentes na rúa D, dándolle así continuidade estética a ambos viais. Por outra banda, repararase o firme de aglomerado deste treito, previa retirada dunha capa de 5 centímetros de rodadura existente para evitar que a rúa vaia tendo cada vez maior espesor.

Francisco Vilariño fixo fincapé en que esta intervención “vai na liña doutras tamén proxectadas para o casco urbano, que van ter especial incidencia e visibilidade este ano con proxectos de rehabilitación programados para distintas vías urbanas como a rúa F, a Xesteira, a Calzada ou a mencionada Alcalde Ferreiro”. Precisamente, en relación a esta última rúa, o edil anunciou que xa está en marcha o proceso de contratación para a súa pavimentación, que se levará a cabo mediante procedemento negociado cunha inversión de 17 mil euros. A reparación das beirarrúas desta vía inclúese noutro lote cunha inversión total, neste caso, de 54 mil euros. Estes fondos eran os que se ían destinar ao traslado da oficina de Turismo a un local sen uso do Castro Tecnolóxico, mais o Concello solicitou o cambio de proxecto, que xa foi notificado favorablemente pola Deputación.

En palabras de Francisco Vilariño a intervención na rúa Pintor Colmeiro “vai ser recibida cos brazos abertos por parte dos veciños e dos comerciantes”. “Este proxecto, xunto co que se vai executar en Alcalde Ferreiro e co recente cambio de luminarias que se desenvolveu no entorno, mellorará substancialmente as condicións dunha zonas máis importantes do casco urbano”. “As obras anunciadas” -explicou- “continúan na senda do modelo urbano que busca o Goberno de Lalín, no que as inversións van sempre en beneficio das persoas”. Con todo, a intervención non implicará cambios na dirección de circulación da rúa Colmeiro e seguirase permitindo o estacionamento de vehículos en ambas marxes.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín