O CONCELLO DE LALÍN ACOMETERÁ O ACONDICIONAMENTO E HUMANIZACIÓN DO ENTORNO DO Nº 52 DA RÚA AREAL

O CONCELLO DE LALÍN ACOMETERÁ O ACONDICIONAMENTO E HUMANIZACIÓN DO ENTORNO DO Nº 52 DA RÚA AREAL
Luns 24 de Abril de 2017 - O espazo correspóndese co que antano ocupaba unha antiga casa en ruínas que foi derrubada deixando no lugar unha área descoidada e deteriorada. A iniciativa, que suporá un investimento de preto de 17 mil euros, financiarase con cargo á liña 1 de Plan de Concellos e xa conta coa autorización do Ministerio de Fomento. O concelleiro de Urbanismo explica que as actuacións completaranse cunha pista de petanca ou cun espazo lúdico infantil.

O Concello de Lalín vai proceder nos próximos meses ao acondicionamento do entorno do número 52 da rúa Areal, un espazo que se corresponde co que antano ocupaba unha antiga casa en ruínas que foi derrubada deixando no lugar unha área descoidada e deteriorada, que ademais impide a continuidade da beirarrúa existente antes e despois do espazo que ocupaba a edificación demolida.

Así o anunciou hoxe o concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, quen tamén explicou que este proxecto -“que contribuirá de forma notable á humanización da rúa Areal”- suporá un investimento próximo aos 17 mil euros. Esta cantidade financiarase con cargo á subvencións solicitadas dentro da liña 1 do Plan Concellos da Deputación provincial de Pontevedra. Ademais, González Casares informou de que a iniciativa, que afecta a un vial correspondente á estrada nacional N-640, xa conta coa autorización do Ministerio de Fomento para poder empezar a proceder á súa execución. Neste sentido, a concellería de Urbanismo conta dende hai tempo cun proxecto de humanización para esta zona, que prevé o adecentamento integral dun espazo que neste momento crea un impacto negativo na veciñanza. O tenente de alcalde salienta, en calquera caso, a intención do Concello de conservar unha pereira que permanece no lugar.

En concreto, o proxecto técnico salienta a necesidade de darlle continuidade a beirarrúa, coa execución de bordillo de formigón que una as dúas partes existentes, así como coa colocación de plaqueta das mesmas características que a existente, na zona afectada pola demolición e fronte a parcela. A zona afectada é de 18,00 metros de longo e 2,00 metros de ancho, o que fai un total de 36,00 m2. Ademais da actuación na beirarrúa, queda unha zona entre o vial existente e a beirarrúa sen pavimentar, configurando un oco e discontinuidade no pavimento

aglomerado. Debido a isto, deberase de realizar unha pavimentación mediante aglomerado

na zona que quedou libre tras a demolición da edificación, entre o pavimento de aglomerado xa existente e a parte da beirarrúa que se executa para conseguir a continuidade da beirarrúa. A zona afectada é de 15,00 m de lonxitude e 6,00 m de fondo, o que fai unha superficie total de 90,00 m2. O prazo de execución destas actuacións, unha vez se contraten e inicien, está previsto nun máximo de dous meses.

En calquera caso, Nicolás González Casares anuncia que o Concello está a analizar a posibilidade de completar estas actuacións coa habilitación dun espazo para uso público cidadá. Neste sentido, estanse a estudar diferentes alternativas como a posta en marcha dunha pista de petanca ou dun espazo lúdico para nenas e nenos. O concelleiro de Urbanismo tamén resalta que con esta iniciativa se avanzará nas accións que o Goberno de Lalín está a desenvolver dende o inicio de mandato para mellorar as condicións da rúa Areal, dando resposta ás demandas veciñais para mellorar o entorno e a seguridade dunha das vías neurálxicas do municipio.

Roteiros de Lalín