O CONCELLO DE LALÍN ACOLLERÁ ESTE MES A PRESENTACIÓN DA REDE SMARTPEME

O CONCELLO DE LALÍN ACOLLERÁ ESTE MES A PRESENTACIÓN DA REDE SMARTPEME
Luns 7 de Novembro de 2016 - Esta iniciativa ofrecerá asesoramento personalizado ao empresariado local sobre TICs ou novas tecnoloxías. Lalín conta cun punto de asesoramento SmartPeme situado no Viveiro de Empresas do polígono Lalín 2000.

A concelleira de Emprego, Katia Procino, informou de que Lalín acollerá o vindeiro 15 de novembro a presentación dos servizos da Rede de Centros de Asesoramento SmartPeme da Deputación Provincial de Pontevedra dirixido ao sector empresarial local. O acto terá lugar a partir das 17.00 horas na sala de prensa do Concello.

A Rede SmartPeme (http://www.smartpeme.depo.es/) é unha iniciativa da Deputación de Pontevedra que conta con puntos de asesoramento, presenciais e personalizados, sobre TICs (Tecnoloxías da Información e Comunicación) e Novas Tecnoloxías (marketplace, comercio electrónico, ferramentas para mellorar a produtividade...) nas diferentes comarcas da provincia. Os centros SmartPeme están atendidos por asesores/as cualificados/as que prestan este servizo de información e asesoramento gratuíto a emprendedores, persoas autónomas, pequenas empresas e asociacións profesionais. Lalín conta cun punto de asesoramento SmartPeme situado no Viveiro de Empresas provincial (Polígono Lalín 2000, parcela E).

A xornada de presentación da Rede SmartPeme en Lalín realizarase o martes 15 de novembro de 2016 na sala de prensa do edificio do Concello (praza de Galicia nº 1). O acto de apertura terá lugar ás 17:00 horas e contará coa presenza de Rafael Cuíña Aparicio, alcalde de Lalín; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; e Francisco Javier Dios Pomares, deputado Provincial de Innovación e Promoción Económica. A xornada contará tamén coa intervención do Xefe de Proxecto de SmartPeme, José Antonio Piñeiro, e da asesora TIC SmartPeme, Eliana Bouzas Collazo, quen profundarán en como a carteira de servizos SmartPeme pode axudar a mellorar os negocios locais do sector empresarial de Lalín e resolverán as dúbidas que poidan xurdir.

Aquelas persoas que estean interesadas nos servizos ofertados, ao finalizar a xornada, poderán ter a súa primeira reunión individualizada cun asesor/a TIC. Para iso, é necesario solicitar cita previa chamando ao teléfono 886202020, contactando a través do correo electrónico (info.smartpeme@depo.es) ou indicándoo no formulario de inscrición da xornada (https://goo.gl/YjPb1C).

Roteiros de Lalín