O CONCELLO DARÁ INICIO NOS PRÓXIMOS DÍAS AO PROXECTO DE PAVIMENTACIÓN DA RÚA 4 E Á REPARACIÓN DA XUNTA DE DILATACIÓN DA PONTE DO AUDITORIO

O CONCELLO DARÁ INICIO NOS PRÓXIMOS DÍAS AO PROXECTO DE  PAVIMENTACIÓN DA RÚA 4 E Á REPARACIÓN DA XUNTA DE DILATACIÓN DA PONTE DO AUDITORIO
Venres 2 de Xuño de 2017 - O orzamento para desenvolver estas obras é de 22.437 euros achegados dunha baixa do proxecto de arranxo integral da Rolda Leste executado o ano pasado.

O alcalde de Lalín e o concelleiro de Urbanismo veñen de anunciar que o Concello de Lalín dará comezo nun prazo aproximado dunha ou dúas semanas ao proxecto de arranxo mediante reforzo e pavimetación da denominada rúa 4, e á reparación da fochanca da ponte do auditorio mediante a instalación dunha xunta de dilatación. Rafael Cuíña e Nicolás González Casares adiantaron o inminente inicio destas obras nunha visita que realizaron esta mañá á estrada que se vai arranxar, situada na zona de Feás, e que presenta un pavimento de base de grava moi deteriorado na súa superficie, con visibles irregularidades, o que incomoda a circulación de vehículos e tamén de viandantes. Trátase, tal e como explicaron o rexedor e o tenente de alcalde, “dun proxecto moi importante para esta zona que servirá para dar resposta a unha vella demanda da veciñanza”. Así mesmo aproveitaron para informar das obras de reparación da xunta da ponte do auditorio, na Rolda Leste. Recentemente procedeuse á pavimentación deste vial, mais non se proxectou o cambio da xunta do taboleiro, o que provocou a aparición simultánea dunha greta ao longo das unións, cos conseguintes baches. Cuíña e Casares sinalaron que “o Goberno axilizou ao máximo a tramitación desta actuación para favorecer unha cómoda e segura circulación de vehículos por unha das estradas máis importantes da vila, que foi recuperada polo Concello”.

Segundo recolle o plan de obra, no primeiro caso, o reforzo do pavimento da rúa 4 -duns 7 metros de ancho e ao redor de 200 metros de lonxitude- executarase mediante o barrido da superficie e posterior aplicación dun adherente con emulsión sobre o que se dotará unha nova capa de formigón bituminoso debidamente extendido e compactado. A reparación da fochanca da ponte do auditorio levarase a cabo, pola súa parte, arranxando a xunta do taboleiro mediante a instalación dunha xunta de dilatación dun máximo de 80 mm de espesor constituída por unha banda de material elastómero con reforzos interiores de aceiro, instalada mediante un corte previo do aglomerado que será de xeito posterior completamente selado.

Unha vez comezados os traballos, o prazo máximo de execución é, segundo estima a redacción do proxecto, de dúas semanas. O Concello de Lalín conta para desenvolver estas obras cun orzamento de 22.437 euros achegados dos fondos que sobraron do proxecto de arranxo integral da Rolda Leste executado o ano pasado. 

Roteiros de Lalín