O CONCELLO DÁ INICIO AOS TRABALLOS DE REPARACIÓN DO MURO EXTERIOR DO ANXO CORTIZO

O CONCELLO DÁ INICIO AOS TRABALLOS DE REPARACIÓN DO MURO EXTERIOR DO ANXO CORTIZO
Luns 6 de Agosto de 2018 - Vilariño destacou a importancia desta actuación “debido ao uso constante que ten a instalación e que, polo tanto, non pode presentar ningunha deficiencia que supoña un risco para os usuarios”.

O Concello de Lalín, a través da concellería de Obras, deu inicio no día de hoxe aos traballos de reparación do muro perimetral do estadio municipal Manuel Anxo Cortizo. En palabras do concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, que estivo esta mañá no estadio “este proxecto, aínda que poida parecer unha actuación menor, é moi importante dado o altísimo índice de utilización que presenta o Manuel Anxo Cortizo e que polo tanto non pode presentar ningunha deficiencia que supoña un risco para a integridade dos usuarios que son, en moitos casos, menores de idade”. O edil explica que “este muro levaba anos en risco de caída e dende o concello non podiamos permitir que continuase por mais tempo nesta situación, polo que adquirimos o compromiso de arranxalo e así o estamos a cumprir”, sinala. Así, o proxecto tamén servirá para dar resposta a unha vella demanda de cidadáns e usuarios e permitirá manter nas mellores condicións unha infraestrutura histórica que ademais de ser moi utilizada é moi querida polo conxunto dos lalinenses”.

Esta estrutura foi construída hai moitos anos e na actualidade atopábase moi deteriorada, principalmente na zona paralela á Avenida dos Olmos, onde nun treito duns 60 metros presentaba un desplome cara o exterior que ameazaba co seu derrubamento. Os muros exteriores do campo de fútbol están realizados por zonas mediante muro de bloque de formigón gris con 15 centímetros de espesor e 2 metros de altura nuns casos, e por paneis de formigón noutros. As principais deficiencias nesta estrutura detectáronse nos puntos onde o cerramento se conforma por paneis, que en moitos casos desprazáronse cara o exterior e teñen perigo de derrubamento. Os traballos de reparación consisten na demolición da zona danada e na posterior reposición mediante a disposición de bloque de formigón prefabricado árido e denso de dimensións 40x20x15 cm, e columnas intermedias colocadas cada seis metros. Así mesmo realizarase unha nivelación de base mediante lousa de formigón de 25 centímetros de espesor apoiada sobre a cimentación existente.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín