O CONCELLO CONVOCA UNHA EDICIÓN ESPECIAL DO CONCURSO DE PINTURA ESCOLAR “MESTRE LAXEIRO” PARA DEFINIR O DESEÑO DO PIN DA EDICIÓN NÚMERO 50 DA FEIRA DO COCIDO

O CONCELLO CONVOCA UNHA EDICIÓN ESPECIAL DO CONCURSO DE PINTURA ESCOLAR “MESTRE LAXEIRO” PARA DEFINIR O DESEÑO DO PIN DA EDICIÓN NÚMERO 50 DA FEIRA DO COCIDO
Martes 19 de Septembro de 2017 - As bases desta convocatoria, que xurdiu a proposta do alcalde, está dirixida ao alumnado de Primaria dos centros educativos de Lalín. O certame repartirá premios por valor de 1.740 euros entre escolares e centros de ensino. O deseño que se elixa tomarase como base, de maneira íntegra ou parcial, para a elaboración dun dos máis importantes símbolos de identidade da festa. Cuíña salienta que con esta iniciativa “involúcrase aos máis novos nunha celebración que puxeron en marcha hai 50 anos os seus bisavós e tataravós”.

A Xunta Local de Goberno dará luz verde esta semana ás bases dunha convocatoria especial do certame de pintura escolar “Mestre Laxeiro”. A convocatoria servirá para que as alumnas e alumnos dos centros escolares de Lalín definan cal vai ser o deseño do pin conmemorativo da edición número 50 da Feira do Cocido, que terá o seu día grande o vindeiro 4 de febreiro.

Foi o alcalde quen impulsou esta iniciativa que, nas súas palabras, “busca involucrar tamén aos máis novos na celebración dunha festa que xa é un patrimonio común de todos e que tampouco lles debe resultar allea a eles”. “A Feira do Cocido”, prosegue o alcalde, “é unha tradición que puxeron en marcha os seus bisavós e tataravós hai 50 anos e que debe manter a esencia, pero tamén renovarse ano tras ano, algo para o que resulta esencial a colaboración das xeracións máis novas”. Por iso “a celebración da Feira do Cocido”, indica Cuíña, “debe sumar os esforzos de toda a sociedade e ter un carácter interxeracional, para que tamén as rapaces e rapaces do concello se poidan sentir unha parte activa e importante da nosa cita, ao tempo que tamén se promove a creatividade e se fomenta o gusto pola pintura entre os escolares de Lalín”.

En concreto, a convocatoria -que repartirá un total de 1.740 euros en premios- está dirixida a alumnas e alumnos de Primaria matriculados en calquera dos centros educativos emprazados no concello. O alumnado participante realizará as súas propostas tomando como base, claramente identificable, a figura do porco. O traballo elixido poderá ser empregado de maneira íntegra e exacta ou tomado como modelo coas modificacións que se consideren oportunas por parte do Concello para a elaboración do pin conmemorativo da L Feira do Cocido de Lalín. Para a elaboración dos traballos pódese empregar calquera tipo de técnica (acuarelas, rotuladores, lápices, ceras, témperas, etc.). Os debuxos ou propostas de deseño presentaranse no formato de cartolina DIN-A4 ou similar.

Nunha primeira fase, cada participante deberá entregar o seu traballo no centro educativo no que estea matriculado. Unha vez rematado este proceso, as propostas faranse chegar ao Concello de Lalín coa súa entrega no Museo Municipal “Ramón Mª Aller”, de luns a venres, en horario de 10:00 a 14:00 horas. O prazo de presentación rematará o 3 de novembro de 2017.

Establécense dous premios a título individual aos alumnos participantes e dous aos centros educativos:

Primeiro premio categoría individual: concederase á proposta mellor valorada e que se tomará como base para a elaboración do Pin do Cocido 2018. Consistirá nunha tablet e un lote de libros (valorados nun máximo de 300 euros, IVE incluído) e un diploma acreditativo.

Segundo premio categoría individual: concederase á segunda proposta mellora valorada polos membros do xurado. Consistirá nun e-reader e un lote de libros (valorados nun máximo de 200 euros, IVE incluído) e un diploma acreditativo.

Premio ao centro educativo que, a xuízo do xurado, presente a maior calidade do conxunto da obra presentada polo alumnado. Consistirá nun premio en metálico de 620 euros.

Premio ao centro educativo no que estea matriculado o alumno ou alumna cuxo traballo se utilice para a elaboración do deseño do Pin do Cocido. Consistirá nun premio en metálico de 620 euros.

O xurado do concurso, cuxa composición se dará a coñecer una vez remate o prazo de presentación das propostas, estará formado por representantes do Concello de Lalín e persoeiros do mundo das artes. Ademais de decidir o traballo gañador, o xurado seleccionará a maiores unha serie de obras das presentadas ao concurso ao obxecto de realizar unha exposición das mesmas.

Tal e como vén sendo habitual nos últimos anos, con este deseño elaboraranse miles de pins que acabarán sendo distribuídos na súa inmensa maioría entre os restaurantes que participan no Mes do Cocido, que ten lugar tradicionalmente do 15 de xaneiro ao 14 de febreiro. Deste xeito, cada comensal que se achegue neste período a degustar o prato estrela da nosa gastronomía recibirá unha destas pezas conmemorativas. Agárdase que as figuras, que representan a esencia do Cocido e realzan como en cada edición os valores gastronómicos do porco, poidan estar xa dispoñibles nos diferentes locais asociados antes de que remate o ano.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín