O CONCELLO CONVOCA A 3ª EDICIÓN DA DISTINCIÓN ALDEA SINGULAR QUE CONCEDERÁ 15 MIL EUROS AO NÚCLEO RURAL PREMIADO

O CONCELLO CONVOCA A 3ª EDICIÓN DA DISTINCIÓN ALDEA SINGULAR QUE CONCEDERÁ 15 MIL EUROS AO NÚCLEO RURAL PREMIADO
Mércores 29 de Novembro de 2017 - O premio recoñece a aquela aldea ou parroquia que destaque pola súa defensa e conservación patrimonial ou ambiental e polo seu impulso económico ou social. Un ano máis, as candidaturas deberán presentar dúas memorias: unha descritiva relacionada cos criterios de valoración e outra explicativa do investimento a executar. O prazo para presentar propostas abrirase proximamente e finalizará o 31 de decembro.

O Concello de Lalín convoca a distinción Aldea Singular 2018. Esta iniciativa chega á súa terceira edición co obxectivo de continuar dando recoñecemento a aquela aldea ou parroquia do Concello de Lalín que destaque de modo notable na defensa e conservación da súa contorna natural e ambiental, do seu patrimonio histórico, cultural ou artístico, en iniciativas de impulso económico e social ou na realización de obras, sempre que estes factores redunden en beneficio común. O prazo para presentar as propostas abrirase proximamente podendo entregarse ata o día 29 de decembro e, por rexistro electrónico, ata 31.

Poderán presentar candidatura as asociacións culturais, de veciños ou de calquera índole que estean constituídas nas distintas parroquias do Concello de Lalín así como un grupo de veciños por iniciativa propia, sempre que sexa nun número mínimo de tres. O premio repite dotación económica, con 15.000 euros que serán investidos en obras e outras actuacións que redunden no beneficio colectivo da parroquia.

Por outra parte e, ao igual que se fixo na pasada edición, deberán ser entregadas dúas memorias diferenciadas por parte de cada candidatura. Por un lado achegarase unha memoria descritiva na que se describirán de xeito pormenorizado aquelas actuacións ou actividades relacionadas cos criterios de valoración de modo que o xurado poida valorar a candidatura. Trátase de cuestións relacionadas coa conservación, defensa e recuperación da contorna natural, ambiental ou do seu patrimonio histórico, cultural ou artístico, así como cuestións relativas ao impulso socieoeconómico, ao dinamismo social e á integración veciña. Doutra banda deberá remitirse unha memoria explicativa do investimento que a candidatura considera prioritario executar na súa aldea. Detallarase neste caso o investimento -que non pode superar os 15.000 euros (IVE incluído)- e as actuacións que se van realizar e que terán que estar obrigatoriamente referidas a unha parroquia en concreto. Así mesmo, só se poderán presentar actuacións en terreos ou espazos de dominio público. Os investimentos propostos deberán estar relacionados con obras de construción ou rehabilitación, limpeza, sinalización, recuperación de espazos etc.

As citadas memorias deberán presentarse nun arquivo electrónico con formato PDF, preferentemente, segundo o modelo que se poderá consultar nos anexos das bases.

O xurado do premio estará composto polo alcalde de Lalín e por concelleiros, tanto do Goberno como da oposición. Ademais, formará parte do tribunal un técnico municipal de urbanismo, un profesional independentes da arquitectura e o paisaxismo, un artista de relevancia cultural e un experto medioambiental. O xurado outorgará a distinción á candidatura que obteña maior puntuación dun total de 100 puntos. O premio outorgarase a unha soa candidatura que será a que obteña maior puntuación por parte do xurado. En caso de empate, decidirá o voto de calidade do presidente. A distinción do premio entregarase nos actos oficiais do día da Feira do Cocido, que este ano celebra o medio século de vida.

Para a valoración das diferentes candidaturas teranse en conta os seguintes apartados: a conservación urbanística e arquitectónica da aldea (30 puntos). Os traballos de recuperación do patrimonio da aldea (10 puntos). A súa integración coa paisaxe e o coidado dos valores naturais da aldea (20 puntos), a actividade social e cultural da aldea (20 puntos) e o proxecto de actuacións presentado e a súa relación cos valores do premio “Aldea singular” (20 puntos).

Esta distinción, que forma parte dos acordos recollidos no pacto de goberno do Concello de Lalín, segue reflectindo a firme e decidida aposta do Goberno municipal pola rehabilitación e recuperación do rural. As medidas dese pacto en materia de medio rural inclúen “a promoción dos núcleos rurais que se distingan polo coidado do seu espazo mediante un premio anual”. Ademais, con este galardón integrado nas actividades da Feira do Cocido, o Goberno segue dando cumprimento ao seu programa de traballo e continúa potenciando a celebración gastronómica facendo que sexa o pobo o seu gran protagonista.

Roteiros de Lalín