O CONCELLO CONTRATARÁ EN XULLO A 20 RECEPTORES DA RISGA PARA FOMENTAR O EMPREGO E LOITAR CONTRA A EXCLUSIÓN SOCIAL

O CONCELLO CONTRATARÁ EN XULLO A 20 RECEPTORES DA RISGA PARA FOMENTAR O EMPREGO E LOITAR CONTRA A EXCLUSIÓN SOCIAL
Martes 19 de Xuño de 2018 - A iniciativa do Goberno será financiada mediante unha axuda de 184.867 euros da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Fernández puxo de relevo esforzo que está a realizar o executivo local para favorecer o emprego, como se demostra coa redución das cifras do paro. Casares salientou o marcado carácter social da iniciativa que permitirá dar unha oportunidade a persoas en situación de dificultade social e, ao mesmo tempo, cubrir necesidades operativas do concello. As persoas receptoras da RISGA que estean interesadas en acceder a un dos postos de traballo ofrecidos deben anotarse como solicitantes no INEM.

Os concelleiros de Emprego e Benestar Social, José Manuel Fernández e Nicolás González Casares, anunciaron hoxe que o Concello de Lalín vai contratar en xullo 20 persoas en situación ou risco de exclusión social receptoras de Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA). Esta iniciativa enmárcase dentro do “Programa municipal de contratación temporal de persoas desempregadas para o fomento do emprego en 2018” en base ao que Lalín percibiu unha subvención por importe de 184.867 euros da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que servirán para financiar a totalidade do proxecto.

En palabras de José Manuel Fernández, este programa “pon de relevo o esforzo que está a realizar o Goberno de Lalín para favorecer o emprego”, “un ámbito” -sostén- “que foi dende o inicio de mandato unha prioridade, tal e como demostra o feito de que dende xuño de 2015 as cifras de desemprego se reducisen en máis de 400 persoas no concello de Lalín, polo que estamos moi satisfeitos de poder seguir poñendo en marcha iniciativas que fomenten a empregabilidade e, ao mesmo tempo, a inclusión social ”.

Pola súa banda, González Casares resaltou precisamente o marcado carácter social desta proposta, “xa que nos permitirá contratar a 20 persoas desempregadas e en circunstancias de dificultade social, dando así resposta á difícil situación laboral que están a atravesar moitas familias do municipio con varios ou algún dos seus membros no paro”. Por outra banda, sinalou o tenente de alcalde, estas contratacións tamén permitirán cubrir necesidades operativas do propio Concello.

En concreto, estes contratos permitirán reforzar a actividade do desván municipal, coa incorporación de 1 auxiliar administrativo, 4 auxiliares de almacén e 1 repartidor. Tamén se contempla a contratación de 2 auxiliares de servizos sociais para traballos de acompañamento a persoas maiores, 4 auxiliares de xardinería para o acondicionamento de solares municipais, 3 pintores para instalacións municipais e 5 porteiros para labores auxiliares no servizo de deportes. Estas 20 persoas serán contratadas por sete meses ao 75 por cento da xornada.

Os contratos deben formalizarse con data límite a 1 de xullo. Porén, é urxente e moi importante que as persoas receptoras da RISGA que estean interesadas en acceder a un dos postos de traballo ofrecidos se inscriban como solicitantes no INEM nalgunha das ocupacións propostas, xa que é preciso iniciar o proceso de selección coa maior para que comecen a traballar o a comezos do mes que vén.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín