O CONCELLO CONTRATARÁ A 34 TRABALLADORES A TRAVÉS DO PLAN DE CONCELLOS DA DEPUTACIÓN

O CONCELLO CONTRATARÁ A 34 TRABALLADORES A TRAVÉS DO PLAN DE CONCELLOS DA DEPUTACIÓN
Xoves 4 de Febreiro de 2016 - Os contratos terán unha duración aproximada de 10 meses. A selección de persoal tramitarase a través do INEM xa que os contratados deberán ser persoas en situación de desemprego. O Goberno decidiu priorizar no reforzo da brigada de obras e crear, como novidade, unha brigada ambiental.

A concelleira de Emprego, Katia Procino, anunciou esta mañá que o concello dará inicio nos próximos días ao proceso selectivo para a contratación de 34 traballadoras e traballadores a través do Plan de Concellos da Deputación. Os contratos terán unha duración aproximada de 10 meses, comezando a principios de marzo e finalizando o 31 de decembro de 2016.

As persoas que queiran optar ás prazas deberán cumprir unhas serie de requisitos establecidos nas bases do programa. En concreto recóllese que os contratados deberán ser persoas en situación de desemprego, non perceptoras de prestacións, ou ben perceptoras de prestacións sociais destinadas a garantir as condicións mínimas de subsistencia económica (RAI,RISGA,PREPARA...). A selección de traballadores realizarase mediante un proceso totalmente aberto, buscando que poidan participar no mesmo o maior número de cidadáns. Ao ir as prazas ofertadas dirixidas a desempregados, tras efectuar o Concello as solicitudes de persoal, será o INEM o organismo encargado de tramitar as contratacións ata cubrir o número máximo de persoas que se poidan asignar a cada posto.

A elección dos postos de traballo necesarios levouse a cabo de modo acordado entre todos os membros do Goberno e tras analizar as principais necesidades do Concello e dos lalinenses, así como as prioridades de actuación e as carencias de cada servizo. Deste xeito, decidiuse priorizar no reforzo da brigada de obras e crear, como novidade, unha brigada ambiental, ademais de resolver cos novos contratos as necesidades de persoal dos servizos xerais.

A nómina de traballadores solicitados segundo a súa ocupación profesional foi a seguinte: 4 contratos de persoal de limpeza, 5 recepcionistas, 3 auxiliares de información turística, 4 auxiliares administrativos, 1 socorrista, 4 xardineiros, 7 albaneis, 1 carpinteiro, 1 tractorista/ manipulador agrícola, 1 soldador e 3 pintores.

A brigada ambiental terá como obxectivo o coidado e o mantemento de espazos naturais, sendo este un eido de actuación prioritario para o Goberno de Lalín. Unha das súas funcións será a de seguir coidando e rehabilitando o Paseo do Pontiñas, explicou a concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso.

Pola súa parte, a responsable de emprego, Katia Procino, manifestou que o Goberno de Lalín pretende, a través desta oportunidade que ofrecen os fondos da Deputación, “ademais de pór en marcha unha oportunidade laboral para moita xente, cubrir as necesidades operativas do concello e da cidadanía”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín