O CONCELLO CONTINUARÁ CON MEDIDAS PREVENTIVAS A PESAR DA LEVE MELLORÍA NA SITUACIÓN DE SECA

O CONCELLO CONTINUARÁ CON MEDIDAS PREVENTIVAS A PESAR DA LEVE MELLORÍA NA SITUACIÓN DE SECA
Martes 5 de Septembro de 2017 - Celia Alonso informou de que a captación de Catasós aumentou lixeiramente o nivel, pero aínda así seguirase empregando a de Botos, que funciona como reserva. En vista desta pequena mellora decidiuse suspender as reunións semanais, que poderían volver ter lugar se a seca persiste ou se agudiza durante este mes. O concello insiste na necesidade de consumir auga de xeito responsable.

Esta mañá tivo lugar no despacho da alcaldía unha nova reunión do “gabinete de crise” pola situación de escaseza de auga. A xuntanza, como é habitual, contou coa presenza do alcalde, Rafael Cuíña, a concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso, e representantes da empresa que xestiona o servizo de Auga, Espina&Delfín. As chuvias dos últimos días fixeron mellorar levemente a situación de seca. Celia Alonso informou de que a captación de Catasós aumentou lixeiramente o nivel, pero aínda así seguirá estando inactiva e continuará empregándose a do río Asneiro en Botos, que funciona como reserva.

As precipitacións caídas na última semana frearon un pouco a perda de auga. A isto tamén contribuíu que os días xa son máis curtos nesta época do ano, o que conxugado á baixada de temperaturas minimizou a evaporación. En vista desta pequena mellora, decidiuse suspender as reunións semanais, que poderían volver ter lugar se a seca persiste ou se agudiza durante este mes. Aínda así, o Concello de Lalín seguirá aplicando medidas preventivas de aforro de auga e non regará parques e xardíns. Non obstante decidiuse reanudar a limpezas das rúas cona auga, acción que tamén se suspendera, tendo en conta, entre outras cuestións, que se aproximan as festas patronais.

O Concello de Lalín segue facendo fincapé en que é preciso que a poboación se conciencie da dificultade da situación e actúe de xeito responsable no consumo de auga. Lalín continúa nunha situación moi complicada pola seca e o mes de setembro pode ser un mes desfavorable, a pesar das lixeiras precipitacións dos últimos días, alertou a concelleira, que pediu á cidadanía que non se confíe. 

Roteiros de Lalín