O CONCELLO CONSENSUA CON COMUNIDADES DE MONTES AS NECESIDADES PARA O PROXECTO DE OBRADOIRO DE EMPREGO FORESTAL

O CONCELLO CONSENSUA CON COMUNIDADES DE MONTES AS NECESIDADES PARA O PROXECTO DE OBRADOIRO DE EMPREGO FORESTAL
Venres 22 de Xuño de 2018 - As comunidades comprometéronse a colaborar concretando as actuacións de repoboación, conservación e mellora para a prevención de incendios necesarias en cada zona. A iniciativa que se presentará á Xunta de Galicia permitirá empregar a 20 persoas durante 9 meses en período formación e 3 en prácticas empresariais. Miguel Medela e José Manuel Fernández mantiveron esta mañá un encontro de traballo con representantes de cinco destas entidades, ás que lle agradeceron a súa colaboración no deseño da proposta.

Os concelleiros de Emprego e de Rural, José Manuel Fernández e Miguel Medela, mantiveron esta mañá unha reunión con representantes de diferentes comunidades de montes de Lalín para avanzar no deseño do obradoiro de emprego enfocado ao ámbito forestal e á prevención de incendios. Fernández e Medela solicitaron a colaboración destas entidades veciñais para concretar ao desenvolvemento das actuacións que, incluídas na formación que se prevé impartir, permita ao alumnado traballador a realización dun traballo efectivo para a súa cualificación profesional. Desta maneira, e “tendo en conta que as comunidades de montes son as que mellor coñecen as necesidades das súas respectivas zonas”, tamén se prestará un servizo de interese xeral máis eficaz para o mantemento e prevención de incendios nas masas forestais do municipio que están en man común.

Ao encontro desta mañá acudiron representantes das comunidades de montes de Bermés, Moa-Vilatuxe, Zobra, A Xesta e Busto, antes de que nos próximos días se poida convocar ás restantes. O Concello solicitóulles a súa colaboración para que acheguen unha relación concreta de todas as actuacións que se precisen no seu ámbito e que poderían levar a cabo as alumnas e alumnos deste obradoiro de emprego, en caso de que sexa concedido pola Xunta de Galicia. José Manuel Fernández e Miguel Medela agradeceron a boa disposición das comunidades de montes a participar na elaboración deste proxecto, algo que ao mesmo tempo redundará en beneficio do conxunto da zona rural de Lalín e, sobre todo, no mellor coidado das masas forestais. “É unha iniciativa”, indican os edís, “na que imos da man xunto cos actores implicados na mellor xestión dos nosos montes”, como poden ser os propios veciños, e tendo tamén en conta a experta opinión dos responsables do Distrito Forestal de Deza-Tabeirós, con quen xa se mantivo un encontro a principios deste mes de cara á elaboración dunha memoria na que se van recoller as principais necesidades e os ámbitos de actuación prioritarios en materia forestal e de prevención de incendios.

O obradoiro estará dirixido a persoas en situación de desemprego maiores de 18 anos. No mesmo poderán participar un total de 20 traballadores e traballadoras que serán contratados por un período de 9 meses en formación aos que se sumarán outros 3 de prácticas en empresas locais dos que se fará cargo o Concello de Lalín. A iniciativa contará con dúas especialidades: unha de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas e outra de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. A través destas dúas vías realizaranse traballos de manetmento e mellora de infraestruturas de prevención e extinción de incendios, como vías e camiños forestais, ou tratamentos silvícolas e repoboacións. Trátase dunha iniciativa “imprescindible para formar novos profesionais en materia forestal e seguridade ambiental relacionada cos incendios forestais, un mal que sofre Galicia cada ano e do que Lalín non é alleo”.

Neste sentido, os concelleiros mostráronse optimistas de cara a concesión dun taller que permitirá, por un lado, avanzar mediante a certificación de novos profesionais na loita contra os incendios forestais e, por outro, ofrecer unha oportunidade laboral a lalinenses en situación de desemprego. En concreto, a solicitude vaise formular ao abeiro da orde de subvencións impulsada pola Consellería de Economía e Emprego para a posta en marcha de obradoiros de emprego duais nos que se reserva unha partida prioritaria para actuacións en especialidade de seguridade, vixilancia e extinción de incendios forestais, así como para a construción, instalación e mantemento de infraestruturas de prevención e extinción de lumes.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín