O CONCELLO CONCLUIRÁ ANTES DE QUE REMATE O ANO O ACONDICIONAMENTO DO PASO DA CACHARELA

O CONCELLO CONCLUIRÁ ANTES DE QUE REMATE O ANO O ACONDICIONAMENTO DO PASO DA CACHARELA
Mércores 2 de Novembro de 2016 - A segunda fase desta iniciativa, aprobada no último Pleno, permitirá acondicionar o firme do treito de rampla que vai dende as escaleiras ata a Avenida de Bos Aires. Francisco Vilariño anuncia que a maiores o Concello asumirá as peticións dos veciños para levar a cabo actuacións de bacheo e mellora da iluminación na zona.

O concelleiro de Obras mantivo nos últimos días un encontro con veciños da Cacharela para explicarlles a segunda fase do proxecto de acondicionamento do paso que vai entre a Avenida de Bos Aires e a rúa Rosalía de Castro. Esta iniciativa, que recibiu luz verde no último Pleno municipal, permitirá darlle continuidade a unhas actuacións que na súa primeira fase permitiron a reparación do tramo superior das escaleiras, onde se realizou un reacondicionamento do pavimento nun treito de seis metros, dándolle continuidade ás citadas escaleiras, co obxectivo de eliminar o pronunciado desnivel deste punto.

Agora, a segunda fase permitirá actuar no tramo de rampla que se prolonga ata entronque coa Avenida de Bos Aires, duns 20 metros, e que se atopa en moi malas condicións, con importantes irregularidades no firme, que producen incomodidade e poñen en risco aos viandantes. Desta maneira, na zona onde rematan as escaleiras, vaise realizar o picado do pavimento existente para substituílo, a proposta da Concellería de Obras, por un acabado de formigón impreso que imitará o aspecto dunha calzada adoquinada e que evitará esvaróns e caídas. Esta solución, ademais de mellorar o aspecto do calello e facilitar a seguridade e o tránsito de peóns, tamén será funcional e operativa para facilitar o acceso de vehículos aos garaxes existentes na zona.

No encontro mantido cos veciños, Francisco Vilariño explicou que con este proxecto se ratifica o compromiso adquirido polo Concello coa veciñanza para adecentar esta zona. “O noso compromiso”, indica o edil, “vai máis alá porque ademais tamén asumimos a necesidade de facer, a maiores do contemplado no proxecto, algunhas actuacións de bacheo e mellora da iluminación suxeridas polos propios veciños para que o acondicionamento deste paso sexa integral e duradeiro”.

Vilariño tamén explicou que tras a aprobación desta iniciativa en Pleno, xa se iniciaron os trámites administrativos para proceder á contratación das obras, que estarán finalizadas antes de que remate o ano. Con estas melloras daráselle un lavado de cara moi importante a unha zona moi empregada polos veciños da Avenida de Bos Aires e da Rosalía de Castro, que tamén se utiliza moito, sobre todo, nos días de feira.

Roteiros de Lalín