O CONCELLO COMEZA A TRABALLAR COA HOSTALERÍA PARA ORGANIZAR O SEGUNDO “LALÍN CON GUSTO”

O CONCELLO COMEZA A TRABALLAR COA HOSTALERÍA PARA ORGANIZAR O SEGUNDO “LALÍN CON GUSTO”
Martes 2 de Xaneiro de 2018 - A concellería de Turismo e os restauradores mantiveron unha xuntanza para ir perfilando a segunda edición que gozará “dun importante salto cuantitativo e cualitativo”. A mellora da infraestrutura do evento, así como a incorporación de novas temáticas e participantes son algunhas das moitas novidades que se pretenden introducir.

O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, mantivo esta tarde unha reunión de traballo con integrantes da cociña e do sector da hostalería local coa finalidade de comezar a artellar a segunda edición do evento gastronómico “Lalín con gusto”, que se celebrará en 2018. O titular de Turismo explicou que “tras o rotundo éxito alcanzado na estrea desta iniciativa, dende o Concello quixemos poñernos mans á obra canto antes mirando xa á próxima edición á que queremos darlle un importante salto tanto cuantitativo como cualitativo”.

No encontro participaron preto dunha ducia de hostaleiros que puxeron sobre a mesa as primeiras propostas e suxestións dirixidas tanto a corrixir posibles erros da primeira edición como a introducir melloras e cambios de cara a do ano que vén. Nesta liña, Francisco Vilariño adiantou que as principais novidades que se pretenden introducir, entre outras cuestións, están relacionadas coa mellora da infraestrutura que acolle o evento, así como coa introdución de novas temáticas e, por suposto, a incorporación de novos participantes aínda que se contará, como garantía, cos cociñeiros da primeira edición.

Con todo”, indicou, “cada unha das medidas que se tomen irán encamiñadas a potenciar unha actividade que na primeira edición xa superou todas as espectativas, non só pola gran asistencia de público, senón tamén por alcanzar sobradamente os obxectivos para os que puxemos en marcha este proxecto: poñer en valor a variedade e a calidade do produto de Lalín e potenciar e dar a coñecer o talento da hostalería e a restauración local”. Estas seguirán sendo as directrices e obxectivos principais de Lalín con gusto, “pois a gastronomía e a cociña son unha doas nosas principais cartas de presentación, polo que dende a concellería de Turismo imos seguir apostando firmemente por este sector, non só no relativo ao cocido”.

Finalmente salientou que “de cara a segunda edición queremos volver contar coa enorme implicación que este ano xa nos mostraron os restauradores”. “Para min”, engadiu, “foi un auténtico orgullo ver como se involucraron todos, como se axudaron e como colaboraron entre eles e coa organización dando mostra de que son un colectivo unido e evidenciando que este é o mellor camiño para seguir poñendo en valor e nosa gastronomía e o noso concello”. 

Roteiros de Lalín