O CONCELLO COMEZA OS TRABALLOS DE ACONDICIONAMENTO DO PASO QUE UNE A AVENIDA DE BOS AIRES COA RÚA ROSALÍA DE CASTRO

O CONCELLO COMEZA OS TRABALLOS DE ACONDICIONAMENTO DO PASO QUE UNE A AVENIDA DE BOS AIRES COA RÚA ROSALÍA DE CASTRO
Luns 10 de Outubro de 2016 - Daráselle continuidade ás escaleiras no último treito do calello en sentido ascendente, para eliminar o pronunciado desnivel existente. Estas obras teñen un orzamento de 5.200 euros e servirán para pór solución a unha vella demanda dos veciños da zona. A Brigada de Obras comezará a próxima semana a acondicionar o firme do treito de rampla que vai dende as escaleiras ata a Avenida de Bos Aires.

O Concello de Lalín dou comezo ás actuacións de acondicionamento do paso entre a Avenida de Bos Aires e a rúa Rosalía de Castro. Os traballos comprenden, principalmente, a reparación do tramo superior das escaleiras, onde se realizará un reacondicionamento do pavimento nun treito de seis metros, dándolle continuidade ás citadas escaleiras, co obxectivo de eliminar o pronunciado desnivel deste punto. O tramo restante de rampla ata entronque coa Avenida de Bos Aires, duns 20 metros, que se atopa en moi malas condicións, con importantes irregularidades no firme, que producen incomodidade e poñen en risco aos viandantes, será acondicionado pola Brigada Municipal de Obras, nuns traballos que previsiblemente comezarán a próxima semana.

Esta actuación irá complementada, ademais, dunha modificación nunha arqueta de electricidade propiedade de Gas Natural, co obxectivo de elevar a tapa así como as paredes da arqueta ata a súa nivelación co pavimento de actuación. Do mesmo xeito, executarase unha reixa de sumidoiro co obxecto de recoller a auga que poida recibir a rampla, evitando a súa continuidade polas escaleiras. Nas zonas intermedias dos descansos das escaleiras realizaranse soleiras de remate con acabado rugoso para evitar esvaramentos e caídas.

Na parte inferior, na rúa Rosalía de Castro, dende a beirarrúa ata o comezo dos peldanos, procederase a realizar unha pavimentación de pedra para igualar este punto co resto do pavimento da beirarrúa. Así mesmo, realizarase unha continuación da varanda intermedia ata o remate das escaleiras e pintarase ao completo de cor verde. Tamén se procederá ao lavado integral do calello mediante auga a presión para eliminar a sucidade acumulada. O Concello conta cun orzamento de 5.200 euros para a execución destes traballos.

Os concelleiros de Urbanismo e de Obras, Nicolás González Casares, e Francisco Vilariño, supervisaron xunto con residentes da Cacharela o comezo das actuacións, coas que se tratará de pór solución a unha demanda histórica deste barrio. Con estas melloras daráselle un lavado de cara moi importante a unha zona moi empregada polos veciños da Avenida de Bos Aires e da Rosalía de Castro, que tamén se utiliza moito, sobre todo, nos días de feira.

Roteiros de Lalín