O CONCELLO COLOCA PANEIS INFORMATIVOS NOS MONUMENTOS A JOAQUÍN LORIGA E A RAMÓN Mª ALLER

O CONCELLO COLOCA PANEIS INFORMATIVOS NOS MONUMENTOS A JOAQUÍN LORIGA E A RAMÓN Mª ALLER
Sábado 26 de Novembro de 2016 - A súa finalidade é a de facilitar ao visitante toda a información sobre dous dos nosos máis relevantes fillos predilectos. A iniciativa segue a filosofía da concellería de Turismo de “ser proactivos nas actividades promocionais”.

O Concello de Lalín, a través da concellería de Turismo, vén de instalar paneis informativos a carón de dous dos monumentos máis representativos e importantes da vila e do concello de Lalín, como son as estatuas do aviador Joaquín Loriga, creada en 1933 e do astrónomo Ramón Mª Aller, inaugurada en 1960, ámbalas dúas obra do escultor Francisco Asorey. Como explicou o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, que xunto co tenente de alcalde, Nicolás González Casares, participou na instalación dos totems, “a finalidade desta iniciativa é a de facilitar ao visitante toda a información sobre dous dos nosos máis relevantes fillos predilectos”. Neste sentido engadiu que “aínda que tanto Ramón Mª Aller como Loriga son personaxes, en xeral, moi coñecidos polos lalinenses, ás veces esquecémonos dos que veñen de fóra, que poden non saber nada sobre estas figuras e que dende agora terán a oportunidade de coñecer”.

A iniciativa enmárcase dentro da filosofía concellería de Turismo, “na que se trata de ser proactivos nas accións difusorias e promocionais, tentando, neste caso, transmitir ao turista unha información o máis exhaustiva posible sobre a nosa vila e sobre o noso municipio”.

Os paneis conteñen cadanseu documento físico, con toda a información e datos sobre Aller Ulloa e Joaquín Loriga. Trátase de dous cartaces explicativos creados polos propios técnicos municipais, moi visuais e gráficos, que captarán a atención do visitante e o farán desfrutar dun interesante percorrido a través da vida e dos principais feitos dos dous ilustres lalinenses. Os documentos coa síntese biográfica, ademais de en formato físico, tamén van estar en colgados na páxina web en formato dixital, podendo ser descargados directamente dende as propias esculturas a través dun código QR.

O panel do monumento a Joquín Loriga céntrase especialmente no periplo do aviador na súa viaxe Madrid-Manila, así como na súa traxectoria militar e na histórica aterraxe no Monte do Toxo na parroquia lalinense de Filgueira. Pola súa banda, o documento de Aller Ulloa resalta a súas múltiples achegas científicas e, en xeral, o seu papel como un dos principais astrónomos da época.

Roteiros de Lalín