O CONCELLO AVANZA NA TRAMITACIÓN DOS PLANS MUNICIPAIS DE EMPREGO PARA MOZOS E PARADOS DE LONGA DURACIÓN

O CONCELLO AVANZA NA TRAMITACIÓN DOS PLANS MUNICIPAIS DE EMPREGO PARA MOZOS E PARADOS DE LONGA DURACIÓN
Xoves 13 de Xullo de 2017 - O alcalde e a concelleira de Emprego mantiveron esta mañá en Santiago unha reunión co director xeral de Orientación e Promoción Laboral O Goberno ultima coa Xunta os detalles destas dúas iniciativas, para as cales se solicitou documentación adicional Cuíña agradece a boa disposición do Goberno galego para activar estes plans e lembra que estas dúas actuacións son prioritarias para dar resposta ás necesidades laborais dos veciños de Lalín

O alcalde de Lalín e a concelleira de Emprego mantiveron esta mañá na sede da Consellería de Economía, Emprego e Industria, en Santiago, un encontro co director xeral de Orientación e Promoción Laboral para analizar a posta en marcha dos plans de emprego municipais para mozos e parados de longa duración. Mediante estas dúas iniciativas, o Concello ten previsto investir máis de 135 mil euros para contribuír a loitar contra a lacra do paro no municipio con actuacións dirixidas a aquelas persoas que, en principio, teñen menos posibilidades de acceder a un posto de traballo. Partindo desta base, Rafael Cuíña e Katia Procino solicitáronlle a Alfonso Marnotes que o seu departamento axilice a autorización para dúas iniciativas fundamentais para reducir as cifras de desemprego en Lalín, o que ademais tamén permitiría avanzar nos obxectivos de contribuír á reactivación económica do concello e tamén ao de asentar poboación no municipio e conseguir que Lalín manteña a categoría dos 20 mil habitantes.

En palabras do alcalde, a reunión de hoxe serviu para establecer “sólidas canles de colaboración” entre as dúas administración, xa que o director xeral de Orientación e Promoción Laboral “ve con bos ollos a posta en marcha deste tipo de proxectos, que, entre malia non seren de competencia directa dos concellos, tamén poden complementar os programas que ten en marcha o Goberno galego”. Neste sentido, a Xunta xa lle requiriu ao Concello documentación adicional ao obxecto de determinar, fundamentalmente, as fontes de financiamento para o plan. “Tendo en conta que temos un Concello saneado e que o departamento económica garante que hai cartos para activar estes plans”, explica Rafael Cuíña, “confiamos en que a súa tramitación se poida desenvolver sen problemas e que as iniciativas poidan saír adiante no menor prazo de tempo posible”.

Por iso, o rexedor agradeceu “o espírito construtivo e colaborador da Xunta, así como a súa boa disposición para avanzar na tramitación destas dúas iniciativas”. Ao mesmo tempo explicou que o director xeral de Orientación e Promoción laboral lle pediu a súa colaboración para tratar de darlle a maior difusión aos programas e liñas de axudas que ten en marcha o Goberno galego para a promoción do emprego no país. Cuíña considera que “por suposto, a redución do desemprego é un obxectivo conxunto das dúas administracións, así que eu poñerei todo o que estea da miña man para colaborar coa Xunta”. Neste sentido, anunciou que esta mesma tarde xa comunicará “os resultados do encontro e as posibles subvencións para o fomento do emprego nunha reunión que manterei na sede da AED”.

O plan municipal de fomento do emprego para mozos e para parados de longa duración maiores de 45 anos estará dotado cun orzamento de 135 mil euros. Unha das súas liñas está destinada a que mozas e mozos con idades comprendidas entre os 18 e os 25 anos poidan acceder a prácticas non laborais en empresas do municipio. A outra ten por obxecto establecer subvencións para o fomento do emprego local mediante a contratación de paradas e parados de longa duración maiores de 45 anos. Desta maneira, o Goberno municipal ten previsto destinar un total de 135 mil euros a tratar de poñer fin a unha das grandes preocupacións das veciñas e veciños de Lalín. Hai máis dun ano que o Pleno da Corporación aprobaba unha moción na que se lle pedía autorización á Xunta para activar esta iniciativa.

Roteiros de Lalín