O CONCELLO AUMENTARÁ A PRESTACIÓN DO SAF A PARTIR DO DÍA 1 DE SETEMBRO

O CONCELLO AUMENTARÁ A PRESTACIÓN DO SAF A PARTIR DO DÍA 1 DE SETEMBRO
Xoves 24 de Agosto de 2017 - Incrementará en 2.676 horas a prestación do servizo na modalidade de dependencia e sube o orzamento na de libre concorrencia. Este reforzo permitirá o alivio da lista de espera e a atención a novos usuarios. Casares sinala que “este grandísimo impulso ao SAF pon de manifesto, novamente, que o Goberno local se está a centrar nas políticas sociais de xeito prioritario”.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, informou hoxe dun novo aumento por parte do Concello de Lalín na prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Este incremento producirase a partir do 1 de setembro, grazas ao aumento anual de horas recibido para a modalidade de dependencia, con 2.676 horas ao ano máis, o que sumará un total de 24.458,24 horas ao ano. Así mesmo, o tamén tenente de alcalde sinalou que na modalidade de libre concorrencia, o aumento da partida orzamentaria permitirá a atención a novos usuarios.

Casares afirma que os citados aumentos repercutirán nun alivio da lista de espera para este servizo. Así mesmo lembrou que o orzamento no SAF creceu un 37,23% nos dous anos de mandato que leva o actual Goberno de Lalín. Na modalidade de libre concorrencia, por exemplo, o orzamento pasou de 70.000 euros en 2015 a 85.000 no 2017. Se atendemos ás dúas modalidades en conxunto (dependencia e libre concorrencia), os orzamentos foron de 467.090,80 no 2015, 556.196,70 euros no 2016 e 641.000 euros no 2017. Deste xeito, o incremento nas dúas modalidades permitirá chegar a un mínimo de 10 usuarios máis e, ao mesmo tempo, o aumento de horas tamén suporá un aumento para as traballadoras que desenvolven este servizo.

González Casares fai fincapé no gran esforzo por parte do Goberno de Lalín para afrontar este servizo servizo. En palabras do concelleiro, “este grandísimo impulso ao SAF pon de manifesto, novamente, que o Goberno local se está a centrar nas políticas sociais de xeito prioritario”. “O compromiso orzamentario para afrontar esta prestación” -engade- “é necesario para garantir a mellor atención no seu domicilio a todas as persoas con algún tipo de dependencia que o precisen”. Neste sentido reivindica a importancia desta prestación “que merece o maior dos esforzos por parte do Concello, xa que permite facilitar o desenvolvemento persoal dos usuarios e beneficia ao conxunto da unidade familiar”. Finalmente lembra que o Goberno local introduciu por primeira vez cláusulas sociais para as traballadoras no contrato de Servizo de Axuda no Fogar. 

Roteiros de Lalín