O CONCELLO ASINA O CONVENIO CON SOGAPS PARA O DESENVOLVEMENTO DO PROGRAMA VACACIÓNS EN PAZ

O CONCELLO ASINA O CONVENIO CON SOGAPS PARA O DESENVOLVEMENTO DO PROGRAMA VACACIÓNS EN PAZ
Martes 17 de Abril de 2018 - O acordo comprende unha axuda de 1.500 euros para financiar os custes da viaxe dos nenos e nenas acollidos por familias lalinenses.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, asinou a pasada semana o novo convenio coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, para o desenvolvemento do programa Vacacións en Paz 2018. A través desta iniciativa solidaria, 4 menores saharauís pasarán os meses de verán acollidos por familias lalinenses. O mencionado programa consiste, como se dixo, en trasladar a nenos e nenas saharauís procedentes dos campamentos de refuxiados en Tindouf (Alxeria), para pasar a época estival en Galicia. Esta iniciativa, porén, carrexa diferentes gastos, entre eles o do traslado dos menores. Así, entre outras abrigas, o convenio compromete ao Concello de Lalín a financiar parte dos gastos de desprazamento a través dunha achega económica de 1.500 euros.

Alén desta axuda, o Concello de Lalín adquire o compromiso de darlle difusión ao programa Vacacións e Paz, así como o de realizarlle unha recepción aos nenos e nenas e ás familias colledoras, co obxectivo de darlle visibilidade á iniciativa, entre outras cuestións.

Por parte de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí participaron na sinatura do acordo, a presidenta, Maite Isla, o tesoureiro, Emilio Portela, o responsable comarcal do colectivo, Pablo Romeo, o delegado saharauí en Galicia, Mohamed Zerga, e o activista dos dereitos humanos, Hassan Ali.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín