O CONCELLO APROBA UNHA PARTIDA DE 10 MIL EUROS PARA SUBVENCIONAR A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES CULTURAIS

O CONCELLO APROBA UNHA PARTIDA DE 10 MIL EUROS PARA SUBVENCIONAR A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES CULTURAIS
Xoves 2 de Novembro de 2017 - O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais a contar dende o día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no BOP.

A concelleira de Cultura, Lara Rodríguez, vén de informar de que a Xunta de Goberno Local aprobu as bases reguladoras para a concesión de axudas para a realización de actividades culturais para o ano 2017. En total, o concello de Lalín destina a esta orde de axudas 10.000 euros. Poderán ser obxecto desta subvención a realización de programas ou actividades culturais de carácter puntual ou permanente que, no ámbito da cultura promovan asociacións culturais, asociacións veciñais ou colectivos sen ánimo de lucro consideradas de interese sociocultural para o Concello de Lalín e que estean dirixidas á poboación en xeral.

Así, serán subvencionables todas as actividades e programas englobados dentro de calquera das seguintes vertentes viaxes culturais, música, danza, literatura, audiovisuais,pintura, homenaxes, encontros, exposicións, obradoiros, conferencias, xornadas e en xeral, calquera actividade que teña como finalidade a promoción e divulgación dos valores culturais así como as actividades dirixidas á realización de festas de carácter etnográfico e de valor histórico-cultural.

Por outra banda, quedan excluídas da convocatoria as actividades:

-As subvencionadas ou financiadas no mesmo exercicio a través doutras convocatorias ou convenios asinados co Concello de Lalín. As organizadas polas asociacións de mulleres así como por clubes deportivos, por contar con convocatorias específicas.

- As que non se axusten nas actividades descritas no apartado anterior.

- Aquelas polas que sexa preciso pagar unha taxa ou prezo municipal.

- Os gastos derivados da organización de xantares ou outros asimilables, así como os eventos gastronómicos ou de exaltación de produtos culinarios.

- As que atenten contra os valores universais como a paz, a solidariedade, a igualdade de xénero, os respecto ao medio ambiente, a interculturalidade, etc.

- As actividades pechadas ou que pretendan o goce exclusivo do colectivo solicitante.

- As actividades cun ámbito de actuación sectorial e que non sexan relevantes a nivel do Concello.

- As publicacións promovidas por particulares.

- As xornadas, encontros, conferencias ou obradoiros que non teñan un carácter de acceso público.

As axudas outorgaranse baixo os principios de publicidade, transparencia, concorrencia competitiva, obxectividade, igualdade e non discriminación. Terán carácter voluntario e eventual e non serán invocables como precedente. O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais a contar dende o día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no BOP. As solicitudes e demais documentación presentaranse exclusivamente e de xeito obrigatorio nos modelos normalizados establecidos a tal efecto, salvo no caso da memoria da actividade, que poderá presentarse en formato libre sempre que recollan os contidos mínimos que se establecen no modelo da mesma. Ditos modelos facilitaranse no Rexistro Xeral do Concello e na páxina web do Concello de Lalín www.lalin .gal. As solicitudes deberán ser presentadas preferiblemente a través do Rexistro Electrónico do Concello de Lalín. Igualmente serán admitidas aquelas solicitudes presentadas no Rexistro Xeral do Concello de Lalín. 

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín