O CONCELLO APROBA NOVAS SANCIÓNS POR OURIÑAR E VERTER RESÍDUOS NA RÚA

Mércores 29 de Novembro de 2017 - Trátase de infraccións tipificadas na ordenanza de medio ambiente que neste caso carrexarán unha multa de 50 euros aos causantes.

A concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso, vén de anunciar que o Concello de Lalín acaba de aprobar novas sancións por infrinxir a normativa municipal de medio ambiente, limpeza e convivencia. En concreto, a Xunta de Goberno aprobou impoñer o pago de 4 multas a outros tantos cidadáns, por cometer infraccións tipificadas na ordenanza como leves e que neste caso carrexarán o abono da cantidade económica de 50 euros.

As catro denuncias foron efectuadas pola Garda Civil no transcurso dos seus servizos polo casco urbano. A primeira tivo lugar o 30 de abril, cando de madrugada se observa a un veciño de Lalín ouriñando na vía pública, concretamente, na rúa Matemático Rodríguez. A segunda denuncia interpúxose o 23 de abril, tamén de madrugada, a un cidadán por realizar necesidades fisiolóxicas na rúa D ás 4 da madrugada. Por outra banda, a Garda Civil denunciou, tamén no pasado mes de abril, a dous veciños de Lalín por “tirar no chan varias latas de refresco, bolsas e diversos envoltorios de plástico no Agro de Lalín de Arriba”.

Por outra banda, Celia Alonso tamén adiantou que xa se rexistraron as primeiras denuncias por non recoller os excrementos dos cans.

A concelleira lembra que a ordenanza de medio ambiente prohibe realizar necesidades fisiolóxicas na rúa ou ensuciala vertendo lixo. Nesta liña sinalou que o Concello veu actuando con flexibilidade á hora de aplicar o regulamento municipal de medio ambiente, considerando máis axeitado conceder unha marxe para que a veciñanza mudase os hábitos. Non obstante, ante a prolongación da situación comezouse a aplicar con maior firmeza a normativa, que establece sancións para quen ensucie as vías públicas ou leve a cabo condutas reprobables que prexudiquen a convivencia. 

Roteiros de Lalín