O CONCELLO APOSTA POLA CONCILIACIÓN CO PROGRAMA CONCILIA LALÍN INCLUÍDO NA ESTRATEXIA DUSI “LALÍN SSUMA21”

Luns 12 de Decembro de 2016 - O Concello destinará á activación deste plan de marcado carácter social 217.500 euros dos 5 millóns dos fondos europeos FEDER concedidos a Lalín pola estratexia DUSI. “A posta en marcha deste programa xurde da necesidade de fomentar en Lalín a conciliación e de ordenar as actividades extraescolares, así como aportar outras máis novidosas”, explicou González Casares.

O Concello de Lalín amosa o seu firme compromiso a prol da conciliación laboral e familiar coa posta en marcha do plan Concilia Lalín que se inclúe dentro dos proxectos da estratexia DUSI Lalín Ssuma 21. O proxecto márcase como marco temporal para o seu completo desenvolvemento 3 anos, que irán do 2017 ao 2020. En total, o Concello destinará á activación deste plan de marcado carácter social 217.500 euros dos 5 millóns dos fondos europeos FEDER concedidos a Lalín por ser seleccionada a súa estratexia de desenvolvemento urbano sostible.

Concilia Lalín xira sobre 3 eixos principais diferenciados, pero ao mesmo tempo interrelacionados, tal e como explicou o tenente de alcalde, Nicolás González Casares. Por un lado crearase unha plataforma de actividades extraescolares en coordinación coas Asociacións de Pais e Nais de Alumnos, buscando sinerxías entre elas para conformar un “mapa de actividades”. Sobre esta parte do programa está prevista a próxima celebración de reunións de participación.

En segundo lugar porase en marcha o denominado espazo comunitario pedagóxico, que funcionará como punto de apoio á conciliación. Terá a finalidade de activar un sistema de ocio educativo e participativo no que terán lugar, por exemplo actividades formativas diversas, como pode ser sobre robótica, artes plásticas, expresión artística etc. Por último, como terceiro eixo da iniciativa, estableceranse as chamadas actividades de respiro familiar que, ao igual que no punto anterior, terán basicamente natureza educativa. Como exemplo dentro deste apartado entrará a celebración de campamentos activos de fin de semana que poderán ter lugar en espazos como a área recreativa de Mouriscade, ou a celebración de viaxes culturais para mozos e mozas a espazos naturais ou a outras zonas de interese e valor social.

Como sinalou Nicolás González Casares, “a posta en marcha deste programa dentro do Lalín Ssuma21 xurde da necesidade de fomentar no noso municipio mecanismos que faciliten a conciliación e de ordenar as actividades extraescolares, así como aportar outras máis novidosas”. 

Roteiros de Lalín