O CONCELLO APOIA A NOVA CAMPAÑA DE ESCAVACIÓNS NO CASTRO DE DOADE E RESALTA O VALOR DESTE XACEMENTO COMO REFERENTE TURÍSTICO

O CONCELLO APOIA A NOVA CAMPAÑA DE ESCAVACIÓNS NO CASTRO DE DOADE E RESALTA O VALOR DESTE XACEMENTO COMO REFERENTE TURÍSTICO
Mércores 10 de Maio de 2017 - O concelleiro visitou hoxe o inicio das escavacións xunto co director da Casa do Patrón, Manuel Blanco.

O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, visitou hoxe xunto co directo do Museo Etnográfico Casa do Patrón, Manuel Blanco, o inicio da nova campaña de escavacións no castro de Doade, que se vai desenvolver ata finais deste mes por parte de arqueólogos profesionais e de bolseiros estudantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O edil expresou durante a visita todo o apoio por parte do Concello de Lalín a esta iniciativa cuxas primeiras fases iniciadas en anos anteriores deron como resultado a descuberta dunha vivenda castrexa e de moito material arqueolóxico de gran valor.

Francisco Vilariño fixo fincapé “na importancia deste xacemento como recurso turístico de primeira orde para o noso municipio”. En palabras do responsable de Turismo o castro de Doade “xa é un dos maiores referentes turísticos patrimoniais do concello e as novas prospeccións e iniciativas que se van levar a cabo neste espazo outórganlle valor engadido a un conxunto de enorme interese e atractivo que se converteu nunha peza clave para a atracción de visitantes a Lalín”. Así mesmo, puxo de relevo a importancia desta nova escavación “xa que permite incrementar o valor dun dos xacementos máis atractivos do interior do país debido á súa relevancia arqueolóxica grazas á que poderemos seguir descubrindo o modo de vida dos nosos antepasados e saber moito máis sobre eles”.

Roteiros de Lalín