O CONCELLO ANIMA AOS LALINENSES A PARTICIPAR E A DESFRUTAR DA DINAMIZADORA E VARIADA PROGRAMACIÓN QUE OFRECEN AS FESTAS DE LALÍN

O CONCELLO ANIMA AOS LALINENSES A PARTICIPAR E A DESFRUTAR DA DINAMIZADORA E VARIADA PROGRAMACIÓN QUE OFRECEN AS FESTAS DE LALÍN
Venres 18 de Septembro de 2015 - Os festexos pretenden dinamizar social e culturalmente a vila, levando actividades a todas as zonas do casco urbano. Rafael Cuíña agradeceu o esforzo da comisión de festas e o de todos os cidadáns que colaboraron coas súas aportacións.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, fixo un chamamento, en nome do Concello, a que os veciños e veciñas de Lalín participen e traten de desfrutar das festas patronais na honra á Virxe das Dores que dan comezo hoxe. Trátase duns festexos cunha oferta musical, cultural e de ocio moi importante e variada, que foron programadas de xeito que poidan ser atractivas para todos os públicos e capaces de contentar a todas e todos os cidadáns que sexan de Lalín ou se acheguen á vila durante os próximos 5 días.

Un dos obxectivos principais que se tratará de cumprir coas celebracións é o de dinamizar social e culturalmente Lalín. Un obxectivo que encadra á perfección coas prioridades do actual Goberno, que persegue, dende a súa chegada ao Concello, encher de vida as rúas e facer que Lalín rexurda e alcance o dinamismo e a vivacidade de antano. Para isto contribúe de xeito moi significativo que a programación dos festexos busque levar as actividades a todas as zonas do casco urbano.

Os actos comezarán a pé da Estatua de Loriga, monumento representativo e símbolo da vila, hoxe ás 22.00 horas, co lanzamento do chupinazo por parte de Rafael Cuíña, e coa lectura do pregón, do que se encargará o coñecido e polifacético veciño de Lalín, Celso Fernández. Tratarase dun acto con moita singularidade ao que todas e todos os cidadáns están chamados a participar.

Cuíña tamén quixo agradecer, en nome do Concello de Lalín, o traballo da comisión de festas e, en particular, o do seu presidente, Daniel Antelo, polo “esforzo e ilusión postos na organización dunhas festas que se auguran moi exitosas”. Así mesmo, quixo dar as grazas aos veciños e veciñas que coa súa colaboración fixeron posible a celebración das Festas da Virxe das Dores 2015.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín