O CONCELLO AMPLÍA POR UN ANO O CONTRATO CON XUNCOGA PARA O SERVIZO DE SUBSTITUCIÓN GANDEIRO

Luns 29 de Xaneiro de 2018 - González Casares mostrou a súa satisfacción “pola ampliación deste contrato, a través do que Xuncoga vén realizando un excelente e recoñecido labor que lles permite aos nosos produtores desfrutar de merecidos días de descanso”.

O concelleiro de Actividade Agraria, Nicolás González Casares, anunciou que a Xunta de Goberno Local vén de dar luz verde á prórroga de mutuo acordo por un ano do contrato establecido coa empresa Xuncoga Sociedade Cooperativa Galega para o denominado servizo de substitución dos gandeiros. Deste xeito, o Concello amplía ata o 2019 con esta entidade un servizo de enorme importancia para os profesionais do sector gandeiro de Lalín.

Como explicou González Casares, “este servizo está plenamente asentado e goza de gran demanda, xa que lles permite aos gandeiros gozar de días libres pagando pouco máis de 30 euros se están adscritos á cooperativa, mentres se encarga da súa explotación un profesional plenamente cualificado”. O concelleiro mostrou a súa satisfacción “pola ampliación deste contrato, a través do que Xuncoga vén realizando un excelente e recoñecido labor que lles permite aos nosos produtores desfrutar de merecidos días de descanso”.

Roteiros de Lalín