O CONCELLO ADXUDICA AS OBRAS DE HUMANIZACIÓN DO ENTORNO DO PARQUE DE JOAQUÍN LORIGA QUE DARÁN COMEZO A PRÓXIMA SEMANA

O CONCELLO ADXUDICA AS OBRAS DE HUMANIZACIÓN DO ENTORNO DO PARQUE DE JOAQUÍN LORIGA QUE DARÁN COMEZO A PRÓXIMA SEMANA
Xoves 3 de Agosto de 2017 - Preténdese que estean rematada para a celebración das festas das Dores, aínda que isto dependerá das posibles continxencias da obra. Agárdase causar as mínimas molestias posibles, mais o inicio das actuacións provocará restricións no tráfico ao seu paso por esta vía. Coa execución deste ambicioso proxecto, o Goberno de Lalín segue dando pasos de cara un modelo de vila máis humanizado, aumentando o elevado potencial de desenvolvemento social que xa ten de por si a zona.

Esta mañá asinouse a adxudicación das obras de humanización da rúa Matemático Rodríguez na zona comprendida entre a Praza da Torre e o parque de Joaquín Loriga. Como explicou o concelleiro de Urbanismo e alcalde en funcións, Nicolás González Casares, foron 3 as empresas de Lalín que realizaron ofertas para facerse con estes traballos que foron adxudicados, finalmente, á empresa Taboada e Ramos por un importe de 115.143 euros (IVE incluído), sendo esta a oferta máis vantaxosa das recibidas. Así, está previsto que as actuacións dean comezo durante a próxima semana, co obxectivo de que estean rematadas para a celebración das festas patronais das Dores, aínda que a día de hoxe isto non se pode asegurar ao 100% debido ás posibles continxencias da obra.

González Casares aproveitou para informar de que, aínda que se agarda causar as mínimas molestias posibles, o inicio do proxecto provocará restricións no tráfico ao seu paso por esta vía. Calcúlase que a rúa quedará pechada definitivamente ao paso de vehículos a partir da semana que vén no momento no que se habilitará sobre a calzada unha capa de formigón. Non obstante o peche anunciarase coa debida antelación. Este material precisa un amplo período de repouso, de modo que a prohibición de circulación se estenderá durante unhas 3 ou 4 semanas. Así, o tráfico será desviado por rúas alternativas e, entre as medidas que se tomarán para garantir unha circulación o máis fluída posible, durante este tempo as rúas Principal e Joaquín Loriga non se peonalizarán durante as fins de semana co obxectivo de que o tránsito non se vexa completamente alterado.

Coa execución deste ambicioso proxecto, o Goberno de Lalín segue dando pasos de cara un modelo de vila máis humanizado e adaptado ás persoas. A finalidade principal das actuacións é a de “poñer en valor un dos puntos neurálxicos da vila, situado a poucos metros do Quilómetro 0 e da nova biblioteca e xusto entre a Praza da Torre e o parque de Loriga, adoquinando o treito con pedra tipo gris alba”.

Este novo deseño tamén permitirá aumentar de maneira moi notable o elevado potencial de desenvolvemento social e comercial que xa ten de por si a zona. En todo caso, a mellora non implicará cambios nin cortes no tráfico rodado. A circulación de vehículos por esa rúa seguirá sendo como na actualidade, pero cun deseño moito máis versátil que facilitará peches nas fins de semana ou noutras ocasións puntuais do treito para desenvolver actividades de dinamización ou levar a cabo iniciativas como a Algarabía, que se celebra tradicionalmente nesta zona.

A actuación levará consigo a colocación dunha placa de bronce no centro do espazo empedrado que fará referencia aos soutos e fragas do concello de Lalín.

Roteiros de Lalín