O CONCELLO ADXUDICA A ÁREA DE XOGOS DA PARTE SUPERIOR DO APARCADOIRO ALDEA GRANDE QUE EMPEZARÁ A CONSTRUÍRSE NOS PRÓXIMOS DÍAS

O CONCELLO ADXUDICA A ÁREA DE XOGOS DA PARTE SUPERIOR DO APARCADOIRO ALDEA GRANDE QUE EMPEZARÁ A CONSTRUÍRSE NOS PRÓXIMOS DÍAS
Luns 7 de Agosto de 2017 - • Esta nova área infantil beneficiará a unha gran cantidade de menores e desconxestionará outras zonas de xogo céntricas como a da Praza da Vila. • O deseño dos elementos de xogo permitirá aos nenos e nenas xogar de maneira divertida, segura e buscando sempre o máximo número de actividades posibles para mellorar as súas capacidades motoras.

O Concello de Lalín vén de adxudicar a construción dunha nova instalación de xogos infantís na zona exterior superior da praza do párking Aldea Grande. Así o informaron o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, e a concelleira de Parques e Xardíns, Celia Alonso, que visitaron o espazo no que se vai ubicar o conxunto. A empresa encargada da creación desta área será Lappset España S.L, que presentou a oferta máis vantaxosa entre as que concorreron a este procedemento público de contratación. O custe da obra -que previsiblemente dará inicio a próxima semana- acende a 57.022,92 euro (IVE incluído).

Celia Alonso e González Casares consideran que será moi positiva a creación deste novo parque infantil, xa que beneficiará a unha gran cantidade de menores, máis cando o principal parque do centro urbano, o da Praza da Vila, sofre en ocasións considerables masificacións. Asemade, esta obra permitirá darlle un maior aproveitamento a un dos máis grandes e menos utilizados espazos públicos do centro de Lalín, como é o da superficie do aparcadoiro. Ao mesmo tempo, con esta área habilitarase unha nova zona para o desfrute e o desenvolvemento integral dos máis pequenos, mediante xogos activos, mellorando, deste xeito, a calidade de vida no entorno do futuro parque.

O espazo terá unha superficie total de 207 metros cadrados superposta pola colocación dunha capa de caucho totalmente segura para os cativos e cativas sobre a que se habilitarán diferentes elementos de xogo. Unha das peculiaridades deste parque radica en que a natureza dos citados elementos permitirá o seu uso e desfrute por parte dos menores sen necesidade de facer colas ao poderen ser utilizados por moitos usuarios á vez. En primeiro lugar instalarase unha combinación de dúas pirámides de rede unidas a través dunha ponte colgante e sobre as que sairá un tobogán. Esta estrutura estará realizada mediante cables de poliamida con “corazón” de aceiro acabados cunha protección que garantirá a larga vida do xogo e a máxima seguridade dos pequenos. Por outra parte instalarase un columpio tipo “terbium” dunha paraza, deseñado especialmente para nenas e nenos pequenos. Así mesmo colocarase outro columpio de tipo “niño de paxaro” con capacidade para dúas persoas, consistente nunha cesta circular de cordas trenzadas.

Esta oferta de xogos, tal e como explicaron Celia Alonso e González Casares, permitirá aos nenos e nenas xogar de maneira divertida, segura e buscando sempre o máximo número de actividades posibles para mellorar as súas capacidades motoras, ademais de desfrutar de xogos figurativos e colectivos. A capacidade total do parque será de 73 nenos e nenas. 

Roteiros de Lalín