O CONCELLO ADQUIRE MATERIAL PARA INICIAR A PARTE FORMATIVA DO PROGRAMA “LALÍN CARDIOPROTEXIDO”

O CONCELLO ADQUIRE MATERIAL PARA INICIAR A PARTE FORMATIVA DO PROGRAMA “LALÍN CARDIOPROTEXIDO”
Sábado 7 de Xaneiro de 2017 - Mercáronse 8 maniquíes de adultos, 4 de lactantes e 2 desfibriladores de adestramento por un custe de 2.900 euros. O primeiro curso que se vai realizar terá lugar os días 23 e 24 de xaneiro e irá dirixido a persoal dos servizos deportivos municipais e membros de clubs deportivos do concello.

O Concello de Lalín vén de comprar novo material de soporte vital básico co que se vai iniciar a parte formativa do programa posto en marcha polo Goberno local, “Lalín Cardioprotexido”. O concelleiro de Sanidade Pública, Nicolás González Casares, lembrou que esta iniciativa consiste na disposición de desfibriladores externos automáticos nas dependencias municipais máis concorridas para tratar precozmente as paradas cardiorrespiratorias. Este programa, que recolle o Pacto de Goberno, leva aparellado unha parte formativa, para a que foi preciso adquirir este material de soporte vital básico. En total mercáronse 8 maniquies de adultos, 4 de lactantes e 2 desfibriladores de adestramento cos que se poderán impartir adecuadas e eficaces sesións formativas, por un custe de 2.900 euros.

O programa docente ten como obxetivo” -indicou Casares- “instruír ao que se denomina primeiros respondedores”. Trátase, neste caso, de persoal municipal, persoal de clubs deportivos, ou calquera asociación interesada nesta formación. Así, o primeiro curso que se vai realizar, terá lugar os días 23 e 24 de xaneiro e irá dirixido a persoal dos servizos deportivos municipais e membros de clubs deportivos do municipio. Ofrécense para este primeiro curso un total de 16 prazas totalmente gratuítas que serán asignadas por orde de inscrición. Para apuntarse só é necesario poñerse en contacto co Concello de Lalín. A sesión formativa será impartida polo propio concelleiro de Sanidade Pública, que ademais é instrutor de Soporte Vital Avanzado.

González Casares sinalou que, “a través do programa Lalín Cardioprotexido, preténdese que Lalín se converta nun concello pioneiro en canto a cardioprotección e no referente á atención precoz da parada cardiorrespiratoria”. “As correctas nocións de reanimación, a alerta aos servizos de emerxencia e a correcta utilización de desfibirladores automáticos aumentan a supervivencia nos casos de paro cardiorrespiratorio”. Segundo o concelleiro, o tempo é un factor determinantes nestes casos, “de xeito que achegar estes medios á cidadanía e a lugares públicos, así como impartir programas de formación, redunda nunha maior posibilidade de salvar vidas”.

Roteiros de Lalín