O CONCELLO ADQUIRE DÚAS BICICLETAS E DOUS RODILLOS PARA O ADESTRAMENTO DE CICLISTAS NO LALÍN ARENA

O CONCELLO ADQUIRE DÚAS BICICLETAS E DOUS RODILLOS PARA O ADESTRAMENTO DE CICLISTAS NO LALÍN ARENA
Xoves 5 de Xaneiro de 2017 - Estes dispositivos permitirán que os moitos federados e afeccionados ao ciclismo que asisten ao Arena, poidan realizar boas sesións de adestramento en interior durante o inverno.

O concelleiro de Deporte, Nicolás González Casares, anunciou hoxe a adquisición por parte do Concello de Lalín de dúas bicicletas de estrada con “cicloentrenador” ou “rodillo”, un dispositivo que se emprega en ciclismo para adestrar en interior e de xeito estático, sobre todo en épocas invernais nas que as inclemencias meteorolóxicos ou as escasas horas de luz dificultan as saídas de adestramento. A compra destes elementos para o Lalín Arena realizouse, precisamente, coa finalidade de cubrir esta necesidade, xa que, como explicou o concelleiro, “na comarca hai uns 100 ciclistas federados, ademais de moitos outros afeccionados que se converten en potenciais usuarios destes rodillos, que dende agora se facilitan no Arena e que lles permitirán practicar ciclismo en boas condicións en interior”.

Os cicloentrenadores mercados son, ademais, de última xeración, xa que, a través dun software, permiten realizar adestramentos interactivos. É dicir: grazas a unha aplicación e, a través do móbil, a táblet ou o PC, permiten descargar e simular rutas, de modo que o rodillo irá ofrecendo no seu transcurso unha resistencia similar á dos desniveis que existen nas etapas reais. Así mesmo ofrece o modo competición, o que permitirá aos deportistas competir en tempo real e de xeito on-line con outros ciclistas que se encontren en calquera parte do mundo. O Concello destinou á compra das bicicletas e dos rodillos un total de 3.224 euros. 

Roteiros de Lalín