O CONCELLO ADHÍRESE AO PLAN TERMAL, “DEPOTERMAL”, DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Venres 19 de Maio de 2017 - Trátase dun programa de marcado carácter social que promove o envellecemento activo mediante estancias en balnearios da provincia. O prazo de inscrición para as persoas interesadas en participar neste programa será de 30 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación na web da Deputación da listaxe definitiva de concellos adherido.

O Concello de Lalín acaba de aprobar en Xunta de Goberno Local a súa adhesión ao plan de termalismo social, Depotermal 2017, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra. Así o vén de informar o concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares. O programa ten a finalidade de fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas, mediante a asistencia dos cidadáns interesados a sesións de Balneario, coas modalidades de asistencia diaria ou pernoctación, en instalacións da provincia de Pontevedra. Trátase, pois, dun programa cun claro obxectivo social. No caso do plan de asistencia diaria, disponse dun total de 1.248 prazas a nivel provincial das que 1.000 serán subvencionadas con 40 euros e 248 con 100. Por outro lado, no caso de pernoctación, ofrécense 3.186, das que 186 (3 por concello) serán subvencionadas ao 100%.

A adhesión do Concello de Lalín a este proxecto supón a obriga por parte da administración local de xestionar a recepción de solicitudes das persoas interesadas e envorcalas posteriormente á Deputación. Así mesmo, o Concello deberá determinar que usuarios se beneficiarán daquelas prazas reservadas a persoas en risco de exclusión, acreditando a súa participación mediante un informe social.

Poderán beneficiarse do plan termal as persoas empadroadas no municipio que non padezan ningunha enfermidade incompatible co desenvolvemento do programa. Así mesmo, deberán cumprir algún dos seguintes requisitos:

- Ser nacidos antes do 1966

- Ser pensionista

- Precisar dun respiro familiar que se acreditará mediante un informe do departamento de Servizos Sociais.

O prazo de inscrición para as persoas interesadas en participar neste programa será de 30 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación na web da Deputación da listaxe definitiva de concellos adheridos. 

Roteiros de Lalín