O CONCELLO ACTIVARÁ O PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO “EMPRENDE LALÍN XOVE 2015/2016”

O CONCELLO ACTIVARÁ O PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO “EMPRENDE LALÍN XOVE 2015/2016”
Luns 24 de Agosto de 2015 - O proxecto busca, a través de diferentes accións, conseguir a inserción laboral das persoas integradas no programa. En total poderán participar 60 persoas do concello de Lalín con menos de 30 anos e en situación de desemprego.

A concelleira responsable de Educación e Emprego, Katia Procino, anunciou que o Concello de Lalín iniciará proximamente a activación do Programa Integrado de Emprego “Emprende Lalín Xove 2015-2016”. Trátase dun proxecto cofinanciado pola consellería de Traballo e Benestar que combina accións de diferente natureza encamiñadas a dotar ás persoas en situación d desemprego de ferramentas e recursos que lles proporcionen competencias que aumenten as súas posibilidades de inserción laboral.

Baseándose na análise individualizada da situación de partida de cada unha das persoas participantes, establecerase un itinerario de actividades adaptado a cada unha das persoas beneficiarias do programa. Entre estas actividades podemos destacar: accións individuais e grupais de información, orientación e asesoramento para mellorar a busca de emprego, accións de formación transversal e ocupacional, prácticas laborais en empresas, ou prospeccións de mercado laboral e captación de ofertas de emprego co tecido empresarial do entorno e xestión das mesmas.

Como destacou Procino, “o obxectivo último é a de conseguir a inserción laboral das persoas integradas no programa”. En total poderán participar 60 persoas do concello de Lalín que deben ter menos de 30 anos e estar sen emprego e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia. As persoas interesadas eb participar deberán solicitar na propia oficina de emprego a inscrición no programa, anotándose no código 930. O proceso de selección realizarase en setembro, previa remisión de candidatos pola citada oficina. As accións do programa desenvolveranse de setembro de 2015 a agosto de 2016. Para máis información, os interesados poden dirixirse ao Servizo de Emprego do Concello de Lalín, ou chamar ao 986787060.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín