O CONCELLO ACONDICIONARÁ UNHA ÁREA PRÓXIMA AOS XULGADOS PARA CREAR UN NOVO ESPAZO DE ESTACIONAMENTO GRATUÍTO E INTEGRADO NO ENTORNO

O CONCELLO ACONDICIONARÁ UNHA ÁREA PRÓXIMA AOS XULGADOS PARA CREAR UN NOVO ESPAZO DE ESTACIONAMENTO GRATUÍTO E INTEGRADO NO ENTORNO
Luns 5 de Marzo de 2018 - A iniciativa permitirá habilitar 50 novas prazas de aparcamento a menos de dous minutos a pé do centro e nas proximidades da zona administrativa, de edificios culturais e de espazos de ocio. Casares e Vilariño explican que a posta en marcha deste proxecto non impedirá que o terreo poida ser empregado no futuro para outros usos contemplados no planeamento urbanístico. Esta nova superficie converterá a Lalín na vila da súa categoría con máis prazas de aparcamento.

Os concelleiros de Urbanismo e Obras, Nicolás González Casares e Francisco Vilariño, anunciaron que o Concello vai acometer o acondicionamento dunha parcela de propiedade municipal situada á beira do edificio dos xulgados para transformala nunha nova área urbana integrada no entorno de estacionamento gratuíto. Ambos concelleiros realizaron unha visita á parcela na que se acometerá a obra para valorar in situ as diferentes posibilidades de actuación. Con todo, informan de que o acondicionamento servirá para poñer en valor este predio de 1.500 metros cadrados, co obxectivo de poder ofrecer ata 50 novas prazas de aparcamento gratuítas a menos de 2 minutos a pé do centro da vila. O proxecto, -aseguran- non consistirá en dotar simplemente con pavimento a superficie, senón que se apostará por incluír equipamentos axeitados e unha solución estética e integrada nun entorno urbano como o Regueiriño, de modo que a actuación tamén contribuirá á rexeneración urbana dun predio que actualmente se atopa en malas condicións e que xa é empregado para estacionar, polo que se pretende que estea en perfecto estado.

Casares e Vilariño explican que a posta en marcha deste proxecto non impedirá que o terreo poida ser empregado no futuro para outros usos contemplados no planeamento urbanístico, como pode ser a construción dun edificio de carácter público. Non obstante -aclaran- actualmente non hai visos de que a superficie vaia ser utilizada, polo que dende o Goberno, mentres tanto, apostamos por poñela en valor creando nela un servizo de enorme utilidade para a cidadanía, pero tendo en conta que se no futuro tiveramos que dotala para outro uso se podería facer.

Actualmente o proxecto técnico para a creación desta área de estacionamento atópase en fase de redacción, mais dende o Goberno agárdase que estea concluído axiña e poida ser presentado en poucos días. Calculase que o orzamento necesario para a actuación roldará os 45 mil euros.

A reforma deste solar para convertelo nun aparcadoiro gratuíto con preto de 50 prazas converterá a Lalín na vila galega da súa categoría cun maior número de prazas de estacionamento habilitadas nas proximidades do centro, pois ademais deste espazo, o campo da feira tamén permite o aparcamento de decenas de coches totalmente de balde, ao que hai que sumarlle o párking Aldea Grande.

Francisco Vilariño e Nicolás González Casares fan fincapé na utilidade cidadá que alcanzará este novo espazo que se vai inserir por completo nun entorno urbano como o Regueiriño, con importantes edificios administrativos, pero sendo tamén unha zona residencial e próxima a espazos lúdicos e deportivos como o Paseo do Pontiñas, ou culturais, como a Biblioteca ou o Museo Municipal. Ademais, indican, a iniciativa tamén vai na liña dun modelo de mobilidade urbana adaptado ás persoas, que foxe da acumulación de vehículos no centro, facilitando o seu estacionamento na periferia máis próxima.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín