O CONCELLO ACOMETERÁ REPOSICIÓNS DE CABLEADO NO PONTIÑAS E NA ROLDA LESTE PARA SOLUCIONAR DE XEITO DEFINITIVO OS PROBLEMAS DE ALUMEADO

O CONCELLO ACOMETERÁ REPOSICIÓNS DE CABLEADO NO PONTIÑAS E NA ROLDA LESTE PARA SOLUCIONAR DE XEITO DEFINITIVO OS PROBLEMAS DE ALUMEADO
Venres 10 de Marzo de 2017 - O importe total da actuación ascende a 30.699,93 euros, sendo estes fondos procedentes da baixa do proxecto de rehabilitación e saneo da Rolda Leste. As deficiencias na iluminación foron provocadas polo roubo de cable e pola actividade dos roedores. Os novos tendidos executaranse con sistemas de reforzo para evitar as sustraccións e a corrosión.

O Concello de Lalín ten proxectada a reposición do cableado que dá servizo ao tendido de alumeado público nun treito da Rolda Leste comprendido entre as coñecidas como rotonda do Eroski e a rotonda de Brántega, e na parte inferior do paseo do Pontiñas. Como explican os concelleiros de Rural, Miguel Medela e Medio Ambiente, Celia Alonso, encargados de xestionar este proxecto, as dúas zonas citadas levan tempo sufrindo graves deficiencias na iluminación por diferentes motivos, que é preciso solucionar canto antes en beneficio da cidadanía. O importe total da actuación ascende a 30.699,93 euros, sendo estes fondos procedentes da baixa do proxecto de rehabilitación e saneo da Rolda Leste.

No primeiro caso a falta de luz débese a un roubo de cable que se produciu hai meses e que deixou sen alimentación as luminarias do citado tramo da Rolda Leste. Así, repoñerase na súa totalidade o cable sustraído, que irá acompañado nesta ocasión dun sistema de reforzo antiroubos que fará moi complicado que se produzan novas extraccións. A reposición do cable permitirá que a iluminación nesta zona moi transitada volva ser a máis adecuada, mellorando deste xeito a seguridade tanto dos condutores como dos peóns.

Por outra banda, na parte baixa do sendeiro fluvial do Pontiñas, as deficiencias na iluminación veñen causadas pola actividade dos ratos, que roeron o cable en diferentes puntos e, aínda que xa se actuou na zona, a problemática non se puido solventar por completo, motivo polo que eran habituais as queixas dos usuarios do paseo. Agora repoñerase o cable cos sistemas de protección adecuados, co obxectivo de evitar o ataque dos roedores, tal e como explicaron os concelleiros. Isto permitirá manter unha iluminación en boas condicións ao longo do Pontiñas e evitar molestias ás persoas que empregan o espazo verde para os seu lecer. Dende o Concello hai constancia das queixas que suscitou a mala iluminación nesta zona, pero solicítase comprensión e paciencia ante “problemas que debido á súa natureza non son doados de arranxar en pouco tempo e que supoñen -como se pode ver- investimentos cuantiosos que superan os 30 mil euros”. 

Roteiros de Lalín