O CONCELLO ACOMETE A REPARACIÓN DO CRUCEIRO DE LALÍN DE ARRIBA

O CONCELLO ACOMETE A REPARACIÓN DO CRUCEIRO DE LALÍN DE ARRIBA
Martes 11 de Outubro de 2016 - Esta peza de enorme valor patrimonial sufría importantes danos estruturais que poñían en risco a súa supervivencia. A actuación servirá para recuperar e poñen en valor un dos cruceiros máis antigos de toda a comarca.

O Concello de Lalín está levando a cabo os traballos de restauración do cruceiro de Lalín de Arriba. Esta peza de importantísimo valor patrimonial, artístico e social, presentaba importantes danos estruturais derivados principalmente do mal estado da súa base, que poñían en risco a súa conservación. Porén, como explicou o concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, que se achegou esta mañá ao lugar para comprobar o desenvolvemento das tarefas, “o seu arranxo foi un dos primeiros obxectivos que nos marcamos dende a área de Urbanismo”. Para proceder á actuación foi preciso que a Dirección Xeral de Patrimonio aprobase o proxecto plantexado polo Concello. Unha vez concedida a licencia solicitouse unha subvención á Deputación por un importe de 3.833,77 euros, cos que se financiará o 100% da rehabilitación.

As actuacións para a recuperación do elemento artístico quedarán finalizadas esta mesma semana e consisten fundamentalmente na súa estabilización, a través do arranxo das súas diferentes pezas (basamento, fuste e cruz). A recuperación está sendo desenvolvida por profesionais cualificados e vai parella a diferentes tarefas de limpeza, que se estenderán, neste caso, á fonte colindante, que tamén ten unha elevada importancia social e patrimonial.

Esta actuación servirá para poñer en valor unha escultura de importantísima significación para Lalín, pois trátase dun dos cruceiros máis antigos de toda a comarca, datado, segundo diversas fontes, na segunda metade do século XVII. Ademais, está peza dálle a benvida aos peregrinos que se adentran no casco urbano no seu camiñar cara a Santiago polo Camiño de Inverno, unha ruta que o Goberno local está tratando de potenciar como eixo dinamizador da economía e da sociedade lalinense. Neste senso, lembrar que unha das actuacións proxectadas no programa Lalín Ssuma 21, consiste na recuperación do entorno da igrexa de Lalín de Arriba, onde se atopa o cruceiro, levando a cabo, entre outras accións, o enlousado completo da zona. Co arranxo do cruceiro tamén se dá resposta a unha vella demanda dos veciños e veciñas da parroquia, que en varias ocasións transmitiran a súa preocupación polo mal estado do monumento e a necesidade de reparalo.

Roteiros de Lalín