O CONCELLO ACOMETE O REPINTADO DOS FAROIS DA RÚA JOQUÍN LORIGA

O CONCELLO ACOMETE O REPINTADO DOS FAROIS DA RÚA JOQUÍN LORIGA
Martes 19 de Decembro de 2017 - O proxecto conta cun orzamento duns 5 mil euros e dá continuidade ás actuacións xa realizadas nas rúas Principal, Matemático Rodríguez e Rosalía de Castro. Francisco Vilariño supervisou os traballos e sinalou que se trata dunha actuación moi demandada que mellorará o aspecto dunha das rúas con maior singularidade de Lalín.

O Concello de Lalín deu inicio durante a xornada de hoxe ao repintado dos farois da rúa Joaquín Loriga. O concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, supervisou esta mañá unha actuación que afectará aos 15 puntos de luz existentes nesta vía situada entre a zona do Quilómetro 0 e o cruce da rúa Pintor Laxeiro. O edil destacou que na actualidade os elementos de iluminación de tipo isabelino desta céntrica vía urbana presentaban un serio deterioro na súa superficie provocado, principalmente, pola acumulación de sucidade e a oxidación. Tamén se aprezaban roturas nos cristais da luminarias, polo que coa intervención que deu comezo hoxe, o Concello busca realizar unha restauración completa dos farois para deixalos en perfecto estado.

Os traballos conlevan, en primeiro lugar, a limpeza das pezas, con especial atención aos vidros. Posteriormente procédese ao repintado mediante o lixado previo para retirar o óxido e a pintura existente. Unha vez realizadas estas accións, procédese á dotación dunha primeira capa de imprimación anticorrosiva na base especial para metais. Posteriormente aplicase unha nova película de pintura esmaltada antioxidante para superficies metálicas de gran resistencia á intemperie coa que a restauración dos farois queda finalizada. O orzamento destinado á execución deste proxecto ascende a 5.270 euros.

Francisco Vilariño puxo de relevo a importancia desta actuación derivada do evidente deterioro das luminarias nunha das rúas máis coñecidas e importantes da vila, tanto pola súa elevada actividade comercial como pola súa singularidade histórica e relevancia social. En palabras do concelleiro, “a rúa Joaquín Loriga terá moito mellor aspecto logo destes traballos que eran moi demandados e que dan continuidade aos xa realizados mediante o repintado dos farois das rúas Principal, Matemático Rodríguez e Rosalía de Castro”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín