O CONCELLO ACOMETE O REPINTADO DOS FAROIS DA PRAZA DA IGREXA

O CONCELLO ACOMETE O REPINTADO DOS FAROIS DA PRAZA DA IGREXA
Xoves 13 de Septembro de 2018 - Francisco Vilariño supervisou hoxe os traballos que permitirán mellorar considerablemente a imaxe destes elementos urbanos e dun espazo neurálxico e moi transitado. O proxecto dá continuidade ás actuacións xa realizadas nos últimos meses nas rúas Principal, Joaquín Loriga, Matemático Rodríguez e Rosalía de Castro.

O Concello de Lalín deu inicio durante a xornada de hoxe ao repintado dos farois da praza da Igrexa. O concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, supervisou esta mañá unha actuación que afectará aos 9 puntos de luz existentes neste espazo central dentro do entramado urbano do municipio. O edil destacou que na actualidade os elementos de iluminación de tipo isabelino desta céntrica praza, pintados de amarelo, presentaban un serio deterioro na súa superficie provocado, principalmente, pola acumulación de sucidade e a oxidación. Coa intervención que deu comezo hoxe, o Concello busca realizar unha restauración e mellora dos farois para deixalos en perfecto estado.

Os traballos conlevan, en primeiro lugar, a limpeza das pezas. Posteriormente procédese ao repintado mediante o lixado previo para retirar o óxido e a pintura amarela existente. Unha vez realizadas estas accións, procédese á dotación dunha primeira capa de imprimación anticorrosiva na base especial para metais. Posteriormente aplicase unha nova película de pintura amarela esmaltada antioxidante para superficies metálicas de gran resistencia á intemperie coa que a restauración dos farois queda finalizada.

Francisco Vilariño puxo de relevo a importancia desta actuación derivada do evidente deterioro das luminarias nunha das zonas neurálxicas de lalín, tanto dende o punto de vista social, como comercial e hostaleiro. Con esta actuación avanzarase no obxectivo de mellorar o aspecto da praza da Igrexa, dando ademais continuidade aos xa realizados mediante o repintado dos farois das rúas Principal, Joaquín Loriga, Matemático Rodríguez e Rosalía de Castro.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín