O CONCELLO ACOMETE O CAMBIO DE LUMINARIAS NAS RÚAS D, ALCALDE FERREIRO E PINTOR COLMEIRO PARA INCREMENTAR O AFORRO ENERXÉTICO E MELLORAR A ILUMINACIÓN

O CONCELLO ACOMETE O CAMBIO DE LUMINARIAS NAS RÚAS D, ALCALDE FERREIRO E PINTOR COLMEIRO PARA INCREMENTAR O AFORRO ENERXÉTICO E MELLORAR A ILUMINACIÓN
Luns 23 de Outubro de 2017 - O proxecto realízase cun investimento de 17.000 euros e comprende o cambio de 22 puntos de luz, o que permitirá obter un aforro superior ao 60 por cento. Francisco Vilariño considera que a actuación suporá “unha mellora substancial na cantidade e na calidade da iluminación dunhas das rúas con máis actividade de Lalín”.

O concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, anunciou o comezo do proxecto de substitución de 22 puntos de luz antigos de vapor de sodio por luminarias tipo LED nas rúas D, Alcalde Ferreiro e Pintor Colmeiro. Con esta iniciativa o Goberno vai mellorar substancialmente a calidade do alumeado nas citadas vías urbanas pero, ademais, vai conseguir un aforro enerxético superior ao 60 por cento con respecto ao anterior sistema. Un aforro, que como explicou o concelleiro, será consecuencia, non só da considerable redución da potencia, senón tamén dun menor gasto de mantemento debido á longa vida útil das novas luminarias.

Con todo, o novo sistema de iluminación permitirá que as rúas D, Alcalde Ferreiro e Pintor Colmeiro estean moito mellor iluminadas que na actualidade, “tanto en cantidade como en calidade, pois ata o día de hoxe quedaban zonas a escuras e tiñamos comprobado que o nivel de iluminación era inferior aos mínimos establecidos pola normativa”, explicou Vilariño. A mellora tamén é debida, entre outras cuestións, a que os novos modelos ofrecen unha iluminación regulada que permite evitar o deslumbramento e así crear un ambiente urbano máis confortable e seguro.

En definitiva”, sinalou o titular de Obras, “as novas luminarias teñen grandes vantaxes con respecto ás anteriores, posto que reducen considerablemente o consumo enerxético, pero manteñen unha perfecta luminosidade cara a rúa, diminuíndo, non obstante, a contaminación lumínica cara o ceo e mellorando o ambiente urbano”.

O Goberno realiza unha achega 17.000 euros para este proxecto, aínda que está previsto que o aforro enerxético redunde nun retorno do investimento en pouco tempo. A execución das actuacións comezou esta mañá e estarán rematadas este venres, a máis tardar. Francisco Vilariño, que hoxe supervisou o cambio de luminarias, lembra que con esta iniciativa o Concello dá saída a unha demanda da veciñanza das rúas D, Alcalde Ferreiro e Pintor Colmeiro. Estas vías públicas, “pola súa ubicación totalmente céntrica, así como pola súa alta actividade comercial e densidade poboacional,”, contan, en palabras do concelleiro, “cunha relevancia especial dentro da trama urbana”. Neste sentido, apunta que se vai levar a cabo “un cambio substancial que permitirá paliar a deficiente iluminación que sufrían, outorgándolle, porén, grandes vantaxes aos residentes, que incrementarán a súa calidade de vida, así como ao tecido comercial, que poderá ver aumentada a súa actividade”.

Roteiros de Lalín